ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do mes de May de 2008

Sacrificar unha ría

Estes días recibín duns amigos un documento que durante moito tempo pensei que non era máis que unha lenda urbana das moitas de San Caetano, "Elementos para unha ordenación íntegra dos usos do medio litoral de Galicia". Trátase dun traballo encargado pola Consellería de Pesca do penúltimo goberno do PP e elaborado por Enesto Penas, antigo alto cargo da Xunta e técnico da U.E. en Bruxelas; traballo que pretendía sentar as bases para iniciar unha ordenación integral do medio mariño e da franxa litoral de Galicia. O texto recolle algunhas reflexións intreresantes sobre a Ría de Ferrol, a sacrificada:

Dada a tendencia sinalada ó aumento da poboación costeira, non é en absoluto descartable que a necesidade de crear emprego leve a establecer excepcións á aplicación do principio de desenvolvemento sostible, especialmente tendo en conta que en determinado tipo de industrias os métodos contra a contaminación son extremadamente custosos e a súa aplicación obrigatoria pode constituírse en importante factor disuasorio para a empresa implicada.

Obsérvase unha clara incompatibilidade entre o interese xeral (instalar industrias que crearán traballo) e o interese particular (a degradación ambiental e destrucción de recursos naturais na zona de instalación) […] O interese xeral de Galicia pode facer necesario a instalación destas ou outras industrias […] a súa radicación precisa conta coa oposición de tódolos concellos ou barrios nos que se intente facelo […] En tal situación pode ser relevante formularse aquela cuestión, […] a posibilidade de sacrificar unha ría […] que podería ter sentido se ten como contrapartida a de garanti-la preservación das demais rías de Galicia.

En canto ás posibles zonas candidatas […] parece obvio que a Ría do Ferrol é a que reúne máis características idóneas: unha importancia relativamente menor dos seus recursos naturais […] unha man de obra con capacitación industrial e unha necesidade social imperiosa de reindustrialización.

Aí o tedes, unha zona tan rica coma a nosa "sacrificada" a golpe de despacho en nome do interese xeral de Galicia; tendo en conta, iso si, que debido á fame, á "necesidade social imperiosa de reindustrializacion", iamos ser os que menos protestásemos, quizais. O desenvolvemento sostible nunca debe ter excepcións, porque sempre se traduce no mesmo, pan para hoxe, pero fame para mañá, é dicir, pobreza.

As Pontes, construíndo a paisaxe

Movido pola curiosidade política, ademais de polo sentimentalismo, pois no lugar que hoxe ocupa a enorme mina estaban hai anos os prados nos que os meus avós alimentaban ás súas vacas, visitei esta semana, de xeito privado, ENDESA As Pontes. Xa coñecía a empresa, pero aínda non vira en directo o lento e impresionante traballo de inundación da antiga mina, traballo que dará como resultado no ano 2012 un lago artificial cunha superficie similar á de toda a zona urbanizada da cidade da Coruña.

Moitas veces o paso do tempo nos fai relativizar os feitos presentes. Estou seguro por iso de que dentro de non moitos anos veremos e valoraremos este espazo, hoxe destrozado dende o punto de vista ecolóxico, como unha das principais reservas de flora e fauna da zona. A antiga escombreira, de varios kilómetros de lonxitude e que hai pouco tempo era unha paisaxe case lunar, pode ser un bo exemplo, hoxe ten xa zonas de bosque e de lagoas absolutamente deliciosas, nas que abundan as especies vexetais e animais, fundamentalmente as aves.

Algúns científicos, totalmente independentes, apuntan xa á especial protección que este enorme espazo natural requerirá no futuro, chegando incluso a insinuar a súa incorporación ó Parque Natural das Fragas do Eume. Se todo marcha segundo o previsto, parece que ENDESA atinou plenamente na solución definitiva para a súa explotación a ceo aberto, pese ó escépticos que algúns éramos hai uns anos. Este espazo debe ser a partir de agora patrimonio de todos e todas.

Fuera de Carta

Ademais de cumprir coa rutina anual de acudir á ofrenda a Pablo Iglesias no Cantón de Molíns e manifestarme logo xunto cos compañeiros/as de UGT e CC.OO. adiquei este primeiro de maio a ir ao cine; tocou de novo peli española, comedia neste caso. Acabo de chegar de ver "Fuera de Carta".

O cine español ten múltiples problemas, pero non dende logo a falta de creatividade e de orixinalidade. Javier Cámara, Lola Dueñas ou Fernando Tejero están excepcionais, a sala escachaba coa risa en varios momentos. Se vos gusta a comedia, non deixedes de ila ver, será unha das películas do ano.