ivanpuentes.com

As Pontes, construíndo a paisaxe

Movido pola curiosidade política, ademais de polo sentimentalismo, pois no lugar que hoxe ocupa a enorme mina estaban hai anos os prados nos que os meus avós alimentaban ás súas vacas, visitei esta semana, de xeito privado, ENDESA As Pontes. Xa coñecía a empresa, pero aínda non vira en directo o lento e impresionante traballo de inundación da antiga mina, traballo que dará como resultado no ano 2012 un lago artificial cunha superficie similar á de toda a zona urbanizada da cidade da Coruña.

Moitas veces o paso do tempo nos fai relativizar os feitos presentes. Estou seguro por iso de que dentro de non moitos anos veremos e valoraremos este espazo, hoxe destrozado dende o punto de vista ecolóxico, como unha das principais reservas de flora e fauna da zona. A antiga escombreira, de varios kilómetros de lonxitude e que hai pouco tempo era unha paisaxe case lunar, pode ser un bo exemplo, hoxe ten xa zonas de bosque e de lagoas absolutamente deliciosas, nas que abundan as especies vexetais e animais, fundamentalmente as aves.

Algúns científicos, totalmente independentes, apuntan xa á especial protección que este enorme espazo natural requerirá no futuro, chegando incluso a insinuar a súa incorporación ó Parque Natural das Fragas do Eume. Se todo marcha segundo o previsto, parece que ENDESA atinou plenamente na solución definitiva para a súa explotación a ceo aberto, pese ó escépticos que algúns éramos hai uns anos. Este espazo debe ser a partir de agora patrimonio de todos e todas.

17 comentarios

  1. xm carreira | 2 de Maio de 2008 - 9:20 pm

    Cando vin o proxecto por primeira vez eu tiven dúas dúbidas:

    1- Se a aportación de caudais compensaría a infiltración polo fondo da cunca sen que quedase o lago a media capacidade en épocas de dura estiaxe.

    2- Se a auga sería de suficiente calidade, ou noutras palabras, con moi pouca contaminación nitrosa tipo esterco, purín, residuos de granxa, augas domésticas incontroladas, como para que non se eutrofizase (isto é, enchese de algas) o lago.

    Estes dous puntos aínda están por ver. Oxalá que todo vaia polo mellor.

  2. Roberto | 3 de Maio de 2008 - 5:50 pm

    Una foto muy buena, de las que no se ven en los periódicos.

  3. Xan II | 5 de Maio de 2008 - 8:47 pm

    Eu penso que non debemos xogar a ser Deuses, e moito menos xogar con un recurso escaso no noso planeta, esperemos que haiba sorte pois xa se sabe o resultado que dan as “obras faraónicas”

  4. Almiral Mouchez | 6 de Maio de 2008 - 5:03 pm

    Señor Alcalde: Falando de paisaxes, e das palabras que permiten identificalas, non querería eu deixar de anotarlle unha cuestión de certa importancia.

    Coñecerá vostede, sen dúbida, que Fene é un dos municipios de Galicia nos que os desaxustes entre a toponimia real e a oficial son máis graves. Cousa que non só é triste desde o punto de vista cultural, senón absolutamente inaceptable polo que dificulta a vida diaria dos cidadáns.

    Póñolle un exemplo moi rapidamente: o servizo de Correos, que nalgúns casos só acepta utilizar a toponimia non recoñece termos como As Foxas… a pesar de que se trata, administrativamente, da capital do municipio.

    E esixe, en cambio, que se inclúan nas direccións termos como Rúa Xerardo Díaz… que é unha rúa que non se chegou a abrir xamais. E que non ía ir, por certo, polo camiño ao que se lle puxo a placa (todo é un poñer placas, vaia polas Ánimas…!), senón que confluiría con este un pouco máis ao Leste.

    Hai lugares de Sillobre, Señor Alcalde (véxase o caso de Pedre, topónimo citado no Parroquial Suevo, ao igual que as propias Foxas), que se substituíron, na placa de rigor, por Camiño do Río Belelle. Esquecendo que o Río Belelle cae no lado contrario da Serra, por detrás de Marraxón.

    Os exemplos poderían ser centos. Algúns tristísiimos. E estas cuestións, señor Alcalde, non só afectan ao Correo Postal, senón que xa teñen provocado varios incidentes cando unha ambulancia ten que chegar con prontitude a o sitio na que a reclaman.

    Quedarémoslle moi agradecido se toma esta cuestión co interese que merece. Non esqueza que xa existe lexislación ao respecto. E que hai concellos, como o de Ferrol, que preferiron darlle carácter oficial á toponimia real, directamente, e sen máis voltas, en defensa dos intereses dos contribuíntes.

    Envíolle un saúdo moi afectuoso.

  5. jatomiau | 10 de Maio de 2008 - 11:54 am

    Permítome rouba-la túa entrada pra nosa web :)

    http://www.amigus.org

  6. Iván | 12 de Maio de 2008 - 7:30 pm

    Ben roubada está! Saúdos a tódolos amicus ;-)

  7. Un mais | 12 de Maio de 2008 - 7:36 pm

    que se substituíron, na placa de rigor, por Camiño do Río Belelle. Esquecendo que o Río Belelle cae no lado contrario da Serra, por detrás de Marraxón.
    Admiral Mouchez. Deixame dicirche que è o de Camiño do Río Belelle.
    Eu pol-a miña experencia en recorrelo, dende Fene sempre lle chamei asi , e coido que deberia ser ese o nome xa que ai moitos anos que era o unico camiño que tiña a xente para subir a Marraxon e dai o Belelle.
    Cando falo de anos estou a dicir o ano 55.
    Non cabe duda que tamen poido estar errado pero daquela xa yo escoitei a miña aboa.
    Un saludo

  8. Enrique | 13 de Maio de 2008 - 1:09 pm

    Teño un debate na miña mente:

    ¿Que eres mellor? ¿alcalde o confidente? As duas cousas as fas moi ben

  9. xm carreira | 14 de Maio de 2008 - 4:19 pm

    @Xan II: Andas trabucado. En honra a verdade habería que dicir que o proxecto e a construcción son pagas por Endesa, que para iso foi quen xerou as “externalidades” coa mina de lignito, e polos dados que manexo non foi especialmente faraónico ou caro e si moi austero e económico. O custo de mantemento será xa cousa da Xunta. Que alguén me corrixa se ando enganado.

  10. David | 14 de Maio de 2008 - 4:58 pm

    DEP por el guardia civil muerto

    Compañero desde Castellón decirte que bonita foto y que aquí tienes a un amigo de partido. Un abrazote.

  11. David V. Rodeiro | 24 de Maio de 2008 - 12:43 pm

    Que bonito un lago tan grande tan perto de nos, pero?:
    - O terreo no que se asenta o lago e os minerais que absorverá a auga non serán perxudiciais?
    - Sacarlle a cuarta parte do caudal do río non afectará ás Fragas do Eume?
    - Qué uso terán os terreos que rodean a futuro lago?
    - Se é moi habitual a neboa nesa parte de As Pontes, có lago non será moito peor?

    CANDO DEIXARÁ ESA CHIMENEA DE CONTAMINARNOS

    Por último unha pregunta a un político:
    ¿Que política enerxética se supón que quere o goberno galego?

  12. xan II | 29 de Maio de 2008 - 10:23 am

    A solución máis fácil e barata para Endesa encher o hoco de auga asi costa menos a rexeneración e nós tan contentos aplaudindo

  13. PSP | 5 de Xuño de 2008 - 4:25 pm

    A insistente referencia a informes de técnicos independentes é una alusión ao elaborado polo independente sr. Macías, pagado por ENDESA, onde afirma que o enchido con más de mil millóns de m3 é a solución máis axeitada? Coñecendo a escasez de auga que estabamos a sofrie, cómo se pode afirmar que detraer ese volumen do Eume en pleno cambio climático non vai a arruinar un dos ecosistemas máis valiosos que temos que son as Fragas? Non sei se o sr. R. Varela é independente, pero desde logo é un científico de alto nivel que hai poucos días alertaba do tremendo dono mediambiental que se pode producir, ademáis do risco dese enchido ao situarse o oco sobre unha zona sísmica. Coñecemos a política medioambiental do PSOE. O sr. Vázquez é un bo exemplo cando se produciu o afundimento do Prestige. Pachi Vázquez, o voso conselleiro, é un Atila que xustifica desde as louseiras do Courel ata o Plan Acuícula. Non veñades con milongas medioambientalistas os socialistas. Tedes unha planta de gas na ría e vós, co PP e o BNG, sodes responsables da súa existencia. Seguide facendo o xogo ao capital (ENCE, ENDESA, REGANOSA) pero non pretendades que creamos que vos imposta a terra e a ría.

  14. plantadegasfóradaría | 6 de Xuño de 2008 - 9:40 am

    se iso é construir paisaxe, a qué lle chamas ubicar a pasteira de ENCE nas Pontes? Non se amosou entusiasmado o alcalde de As Pontes, que pertence ao teu partido, ante a futura instalación da planta na vila? E cómo interpretas a posición do conselleiro de medioambiente (?) a favor de levala ao lugar onde os teus avos levaban a pastar as vacas? Tamén defendes a presenza dunha planta de gas que ameaza a vida dos teus conveciños? Qué fariades en caso de accidente?, lamentalo?, disculpalo?,.. Ahí é onde un dirixente se ten que comprometer.

  15. Iván | 6 de Xuño de 2008 - 9:01 pm

    Amigo PSP, plantadegafóradaría ou Perverso, que sodes tres nunha mesma persoa, gustaríame que me xulgases polos meus feitos e non polos valores que ti asocies ás siglas políticas que eu teño a honra de representar.

    En Fene, postura en contra da ubicación da Planta de Gas en Punta Promontoiro (Mugardos) a liderou sempre o PSdeG-PSOE; todas cantas mocións e resolucións ten aprobadas o Pleno de Fene denunciando este asunto, xa dende o ano 1999, foron presentadas polo PSOE e aprobadas co voto favorable do noso partido e de Esquerda Unida, a abstención do BNG e o voto en contra do PP.

    Sempre que a miña man se ergueu nun pleno neste asunto foi para votar en contra da ubicación da Planta e a favor de trasladala ao Porto Exterior. A Agrupación Socilaista de Fene, xunto con outras da comarca, así como as Xuventudes Socialistas de Galicia, dende a época na que eu fun Secretario de Organización Nacional, forman parte do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, un dos poucos alcaldes que recibiu aos veciños/as de Mehá cando estaban pechados no Concello de Mugardos fun eu… e podería seguir, pero creo que abonda.

    Sobre ENCE, como lle dixen a Isa, xa escribín hai dous anos un artigo sobre súa ubicación en Ferrolterra. Aí atoparás a miña postura, segue a ser a mesma.

  16. oquequieras | 14 de Xuño de 2008 - 12:30 pm

    Eu non me adico á xudicatura, nin tampouco á cibervixiancia. E desde logo non estou a seguir os teus pasos profesionais na política. Só quería suliñar as contradiccións entre moitas das opinións aquí vertidas e a posición real do teu partido. O documento que adxuntas do PP, que é terrible, non é, menos terrible que a política medioambiental que o PSdG está a facer ou desfacer da man do conselleiro de medioambiente, auténtico Atila que xa ten demostrada a súa nula sensibilidade neste ámbito. Xa sei que desde o PSOE estades afeitos a xogar a dúas bandas, pero a esquerda real caracterízase, entre outras, pola coherencia.

  17. anónimo | 7 de Agosto de 2008 - 5:58 pm

    meses despóis estamos a comprobar os beneficiosos efectos que para o parque natural e, en especial, para o río Eume trae consigo esa marabillosa actuación de ENDESA. Non por outro motivo o concelleiro de medio ambiente é un dos seus principais valedores. A progresiva acidificación de toda a rede hídrica derivada da conexión do lago co río é xa un feito innegable. As declaracións de técnicos e científicos de prestixio, como é o caso do sr. Varela, as denuncias de ADEGA e incluso dos pescadores desminten estas optimistas e irresponsables declaracións. Durante 30 anos ENDESA extraiu e quemou na zona millóns de toneladas de carbón. A rexeneración do oco que por lei lle corresponde facer é fácilmente resolta enchendo o oco coa auga do Eume, precisamente nun período no que se está a incrementar a aridez. As piritas depositadas no fondo da mina, ao contacto coa auga, xeneran ácido sulfúrico que xunto aos metais pesados alí depositados inevitablemente conducirán ao envenenamento do río e á degradación do parque natural das fragas. Pero, qué bonita é a foto!

Deixa unha resposta