Anotacións arquivadas do mes de June de 2008
Opa Perlío, opa Perlío, opa Perlío campeón!

Ignacio, o compañeiro de Mugardos, concelleiro e seguidor do Galicia que aparece no centro, bautizou esta imaxe como "As dúas caras dunha copa". Os dous, xunto con José Antonio, vímonos este sábado no campo de fútbol de San Sadurniño, porque, xusto o día antes da final da Eurocopa, Ferrolterra viviu outra gran final, a da Copa da Ría, que se disputaron o Perlío e o Galicia. O sorriso amplo e gustoso de Ignacio, oposto ao noso, tímido e posado para a foto, revela xa o resultado, 4 - 2 para o Galicia de Mugardos, pero iso foi tal vez o de menos.
Para un coma min, que se define como ex-futboleiro, logo da paixón polo Depor vivida nos anos adolescentes, foi un pracer ver fútbol de verdade unha vez máis; sen o negocio, o posado e todo o envoltorio artificial que rodea ao fútbol profesional. Simplemente rapaces de Fene xogando polo puro placer de xogar contra os de Mugardos, centos de veciños e veciñas de Perlío dando cor, diversión e animación á grada, porque nisto si que lles gañamos aos do Galicia (síntoo, Ignacio!) e dúas afeccións que, á marxe de picadas mutuas, souberon gozar xuntas do fútbol.
Como dicía, independentemente da anécdota do resultado, por darlle sentido a este deporte, por facernos sentir orgullosos do noso pobo, Opa Perlío!
Feneuropa

Onte clausuramos Feneuropa, o primeiro paso do camiño que Fene, da man do Consello da Xuventude de Galicia, acaba de iniciar para favorecer os intercambios e estancias dos mozos e mozas do noso concello nos demais países da Unión Europea, durante 2 meses, 6 meses ou un ano; así como para favorecer a posta en marcha en Fene de proxectos sociais desenvolvidos por rapaces europeos e financiados pola Unión. Nisto consiste, a grandes rasgos, o Servizo de Voluntariado Europeo, que coa experiencia e contactos adquiridos en seminarios deste tipo, acabaremos implantando no noso concello.
Desde o luns, 23 mozos e mozas de case outros tantos países europeos traballaron a tope na Casa da Cultura, ademais de coñecer o pobo e a comarca. A nós, aos membros do Concello, nos ensinaron moito máis do que podan imaxinar sobre como traballar en políticas de mocidade, especialmente no plano internacional. Era o debut de Fene en experiencias deste tipo e creo que pasamos a proba con nota.
A descrición dun seminario coma este nunca está completa sen falar do plano máis persoal. A amizade, o bo rollo, a complicidade… afloraron dende o primeiro día, tanto que o venres, na cea de despedida, todos nos sentíamos xa membros dun grande equipo que daba moita mágoa ter que disolver. Ademais do aprendido tecnicamente, a pegada que as boas persoas de Feneuropa nos deixaron a tódolos membros do Concello, será imposible de borrar.
Infinitas grazas a Yolanda, Rut, Suso, Azucena, Loli, Leo, Richard, María, Maris, Francesco, Gregor, Celia, Anne, Adrián, Erol, Helena, Kemal Onur, Rusudan, Silvia, Edu e tamén a Joana.
Descargar foto de grupo en tamaño grande / Download large size group photo
