ivanpuentes.com

Opa Perlío, opa Perlío, opa Perlío campeón!

Ignacio, o compañeiro de Mugardos, concelleiro e seguidor do Galicia que aparece no centro, bautizou esta imaxe como "As dúas caras dunha copa". Os dous, xunto con José Antonio, vímonos este sábado no campo de fútbol de San Sadurniño, porque, xusto o día antes da final da Eurocopa, Ferrolterra viviu outra gran final, a da Copa da Ría, que se disputaron o Perlío e o Galicia. O sorriso amplo e gustoso de Ignacio, oposto ao noso, tímido e posado para a foto, revela xa o resultado, 4 - 2 para o Galicia de Mugardos, pero iso foi tal vez o de menos.

Para un coma min, que se define como ex-futboleiro, logo da paixón polo Depor vivida nos anos adolescentes, foi un pracer ver fútbol de verdade unha vez máis; sen o negocio, o posado e todo o envoltorio artificial que rodea ao fútbol profesional. Simplemente rapaces de Fene xogando polo puro placer de xogar contra os de Mugardos, centos de veciños e veciñas de Perlío dando cor, diversión e animación á grada, porque nisto si que lles gañamos aos do Galicia (síntoo, Ignacio!) e dúas afeccións que, á marxe de picadas mutuas, souberon gozar xuntas do fútbol.

Como dicía, independentemente da anécdota do resultado, por darlle sentido a este deporte, por facernos sentir orgullosos do noso pobo, Opa Perlío!

2 comentarios

  1. Paiño jr | 15 de Xullo de 2008 - 12:45 am

    logo, non viches como afeccionados do perlío tiraban unha botella de auga a un dos árbitros, que válgame dios, por cousas do desatinado destino, impactou nun xogador fenés. nin escoitaches insultos, nin nada, ti estabas só a rir. Esqueces que no futbol onde non hai cartos, onde xogan os rapaces da bisbarra a educación e a deportividade moitas veces escasea. pero ben, se o que queres oír é que todo foi deportividade, aí vai ¡opa perlío!

  2. César Pena | 21 de Xullo de 2008 - 11:20 pm

    Boh, puxestes máis cor nas bancadas porque xogades de azul e amarelo. A festeiros-barulleiros non nos gañades, non ;)

    ¿O Fene F.C. para cando?

Deixa unha resposta