ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do mes de July de 2008

Noite con Amaral

A noite pasada foi especial. Pasei dúas horas perfectas escoitando a música de Amaral en directo na Praza do Obradoiro. Nunca fora a un concerto seu e, a verdade, é que teñen un directo espectacular; música e voz que poñen os pelos de punta. Pero, sobre todo, a noite foi perfecta porque combinamos a boa música coa presenza dalgunhas das persoas que máis quero, que tamén viñeron ao concerto: Marta, Nacho, Lidia, Loli, Lage, Azu, Blas, Alberto, María, Eva, Diego, Fer, María Jartín, Pablo… Será das noites que sempre queden na memoria!

A Forza de Galicia

A noite do sábado, dicíame Javi Castiñeiras que entre o Pazo de Congresos e o Hotel Puerta del Camino, onde estabamos reunidos os delegados/as, ía quedar un carreiro marcado no chan dos continuos ir e vir de xente falando, facendo quinielas, matando os nervios… O certo é que esta fin de semana culminamos en Santiago meses e meses de traballo preparando o 11 Congreso Nacional do PSdeG-PSOE, no que ademais de ter o privilexio de ser un dos redactores do documento político aprobado, tiven a honra de exercer como voceiro dos 27 delegados/as de Ferrolterra e, finalmente, de poder representar a esta comarca na nova Executiva Nacional.

Seguindo o exemplo de Mar, hoxe vou falar como Iván, o rapaz que con 18 anos decidiu, logo de moito meditalo, afiliarse ao PSdeG-PSOE en Fene e ao que logo Xaime e Lage atraeron cara ás XSG, a mellor decisión da miña vida. Ademais de estar moi contento por poder contribuír desde Fene co meu humilde grao de area ao novo proxecto que iniciamos os socialistas de Galicia, da man de Emilio Pérez Touriño, Ricardo Varela, Mar Barcón e todos/as vos, estou moi feliz por compartir responsabiildades na executiva con algúns dos meus mellores amigos e compañeiros de partido, como Loli ou Lage (a foto evidencia as horas en vela que pasamos a noite do sábado; canto falamos!) aos que nunca poderei agradecer todo o apoio, formación, axuda, cariño… con Bea e Vicente, xuntos lograremos que Ferrolterra estea sempre presente; con xente tan capaz como Emilio, Ricardo ou Mar, dos que espero aprender cada día unha cousa nova; con Antón e Modesto, sempre botando a man dende o outro lado da fronteira, con Yoya, Pachi, Xocas… e, de novo, traballando ao lado de Blas, xunto con Eva e Diego, aos que, por fin, xa non terei que botar tanto de menos cada día; é imposible ser mellores persoas.

A todos e todas cos que tiven a sorte de compartir traballo, alegrías, penas e aventuras políticas, dende que aquel mes de marzo do 98 decidín chamar á porta da Casa do Pobo de Fene, só vos podo dicir, aínda que soe tópico, unha cousa: grazas!

A Forza do Cambio

Cando cheguei onte a Madrid, para representar a Ferrolterra, xunto con Vicente Irisarri e Montse García, no 37 Congreso Federal do PSOE, das primeiras cousas que dixen foi que non me gustaba o lema escollido para a ocasión, a Forza do Cambio. 24 horas despois teño que recoñecer que estaba equivocado, o PSOE goberna, pero sigue a ser a forza do cambio, o partido que está á vangarda das políticas máis progresistas e avanzadas en España e en Europa. É a conclusión do intenso labor de debate que levamos a cabo durante o día de hoxe nas comisións de traballo.

Falamos sen complexos de apoiar unha lei de prazos para despenalizar o aborto en tódolos casos, do dereito a unha morte digna, de seguir incrementando o salario mínimo, as pensións e as prestacións por desemprego, de loitar contra o cambio climático ou, como dixo Zapatero na súa intervención de onte, de falar dunha vez por todas, sen complexos, dunha estrutura territorial federal. Durante moito tempo, certa corrente de pensamento defendeu o xiro ao centro, a práctica dunha política morna, como método para medrar electoralmente, pero estes días, os militantes, deixamos claro que esa non é a vía que queremos, somos de esquerdas e queremos gañar as eleccións, como xa estamos a facer desde 2004, defendendo e practicando políticas de esquerdas, puras e duras, porque, a diferencia do que sostén Rajoy en público, nos si que cremos nas ideolóxías e nas diferencias notorias entre a esquerda e a dereita.

A última boa nova do día foi a elección, que votaremos mañá, do compañeiro Pepe Blanco como Vicesecretario Xeral do PSOE, cargo que non existía dende que Alfonso Guerra deixara tal responsabilidade. É un posto que, sen dúbida, merece a persoa que máis traballou por este partido nos últimos anos, o artífice de que hoxe Zapatero sexa Secretario Xeral e, incluso, o artífice de que sexa Presidente do Goberno, ao transformar o PSOE nun partido moderno, novo, activo e actual. Con el, o socialismo galego chega a unhas cotas de responsabilidade dificilmente imaxinables hai poucos anos, cotas que se verán reforzadas pola inclusión na nova dirección de Carmela Silva (Vigo) e Xosé Sánchez Bugallo, Alcalde de Santiago.

Dios, La Virgen y el Presidente Uribe!

“Primero doy gracias a Dios, luego a la Virgen, al ejército… y al Presidente Uribe!”. Teño algo de sono, onte quedei até tarde vendo en directo pola televisión a chegada a Bogotá de Ingrid Betancourt e das demais persoas rescatadas das poutas, cada vez menos guerrilleiras, no sentido clásico e político, das FARC. Escoitei con atención a intervención de todos eles e, á marxe da excelente nova que supón dende o punto de vista humanitario, o acto destilaba un noxento cheiro a democracia tutelada e a autobombo gobernamental case intolerábel ética e democraticamente.

“Primero doy gracias a Dios, luego a la Virgen, al ejército… y al Presidente Uribe”. Con estas palabras comezou Betancourt a súa intervención, pouco antes de axeonllarse cun rosario na man ante o clérigo de turno que lles daba a bendición….

Segue lendo o artigo en A Nosa Terra