ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do mes de August de 2008

Os vikingos conquistan de novo Redes

Onte á tarde, os vikingos de Río Castro (Fene) asaltaron de novo a veciña vila de Redes (Ares) e nesta ocasión, como botín, trouxemos para Fene ao seu alcalde, que, como relata hoxe La Voz de Galicia, tentou nun primeiro momento rebanarnos o pescozo a algúns co seu sable, pero finalmente foi reducido, subímolo a bordo dunha planeadora e, tal cual os veciños/as da aldea gala de Axterix, de volta á casa rematamos a aventura cunha boa churrascada na praia de Almieiras en presenza do secuestrado.

Como tódalas boas festas, esta surxiu por casualidade, dunha broma duns poucos veciños/as de Río Castro, fundamentalmente de Seíto, o dono do bar O Emigrante. Onte, tres anos despois, só de Fene participaron xa 600 persoas e a cousa vai en aumento. Mollámonos, bañáronnos en escuma, compartimos unhas cervexas e, sobre todo, pasámolo moi moi ben; ese é o segredo deste evento.

Tamén, como toda boa festa, non se limita a un só día no ano, e o 23 deste mes haberá réplica. Ese día os piratas de Redes asaltarán Río Castro, nós defenderemos as nosas costas, pero eles rescatarán ao secuestrado alcalde de Ares e, como revancha, levarán a un novo refén de Fene. Todos e todas os que queirades vir o sábado 23 a defender o noso concello, como Lage, Loli, Xaime ou Mela, que onte estaban infiltrados na retagarda inimiga, estades invitados/as. Noraboa aos veciños/as que paristes esta gran idea e que seguides a reinventar con ilusión cada ano.