Anotacións arquivadas do mes de September de 2008
Paréntese ou morro superlativo?

Escoitamos estes días aos empresarios españois perdir ao goberno unha "paréntese" no libre mercado por mor da crise económica; paréntese da que nunca escoitáramos falar ata agora e que debe vir recollida nunha disposición adicional do manual de economía liberal, para aplicar só en situacións nas que cheguen menos cartos ás contas das grandes empresas. Non son os únicos, Bush, ultraliberal e presidente do país que elevou o liberalismo económico ao rango de dogma, anda estes días a intervir dende o goberno na economía e a pedirlle ao Congreso permiso para gastar 700.000 millóns de dólares públicos en librar da quebra a determinadas firmas.
Non sei en que andará enredando a milagreira man invisible de Adam Smith, da que ata o presente sempre nos intentaran convencer que tiña a facultade de ordear e equilibrar o mercado sen que os gobernos metesen o nariz na economía; é máis, canto máis se afastasen estes e menos regulasen o mercado, mellor. Que pasou? Que antes as ganancias eran inxentes e que hoxe os beneficios empresariais son menores ou, directamente non son.
Sempre defendín a necesidade social dun modelo económico cun estado forte que interveña na economía, en épocas de crise como a actual, a fin de evitar que as consecuencias negativas para os cidadáns sexan maiores, pero tamén en épocas de prosperidade económica, para repartir os beneficios e redistribuír a riqueza entre tódolos traballadores/as. Esta última é a parte que sempre se lles esquece aos liberais. Esixir liberdade absoluta para gañar o máximo posible cando as cousas marchan ben e logo esixir intervencionismo para perder o mínimo posible cando marchan mal é ter moito morro.
Un exemplo máis de incultura militante

Este rapaz da imaxe chámase Pablo Casado e é o Presidente das Novas Xeracións do PP en Madrid, ademais de ser a penosa mostra de que os mozos/as da dereita madrileña pouco se diferencian do facherío extremo da autoproclamada "lideresa" capitalina. Lin hoxe na prensa que Casado aproveitou onte o seu minuto de gloria ante o Congreso Rexional do PP para criticar que "el socialismo sea tan carca y retrógrado como para seguir idolatrando a asesinos como el Che Guevara" ou dicir "nosotros idolatramos a mártires como Miguel Ángel Blanco". Tamén afirmou que "la inmensa mayoría de jóvenes españoles son del Partido Popular y aún no lo saben"; si, vai ser iso… Escoitádeo vos mesmos!.
Só dende o atrevemento que proporciona unha incultura supina, ou dende as máis supinas ansias de agradar á reserva do antigo réxime, que é o PP de Madrid, se poden rebuznar tales barbaridades. Supoño que no seu manual de político dirá que é máis "chachiguay o sea te lo juro por Espe" idolatrar aos asasinos do Che, aos de Salvador Allende ou a Francisco Franco e á súa tropa de fascistas, que cun golpe de estado asasinaron a centos de milleiros de españois e secuestraron a nosa liberdade durante máis de corenta anos. Que pena, chaval!
Festa dos Socialistas de Galicia

Un ano máis a estas alturas, estou de volta da Festa dos Socialistas de Galicia, festa que celebran conxuntamente o PSdeG-PSOE, a UGT e máis as XSG. Hoxe batemos un novo record de asistencia e superamos os 7.000 participantes, toda unha proba da ilusión e das ganas por transformar este país das que vos falaba no post anterior, que contaminan agradablemente o ambiente de Galicia.
Antes de compartir comida, pagada por cada un dos asistentes, non como acontecía cos milleiros de empanadas e manxares varios que en tempos pasados asulagaban múltiples pitanzas "populares", especialmente as do Monte do Gozo, puidemos gozar, no sentido pleno da palabra, da intervención de Emilio Pérez Touriño e da do compañeiro Pepe Blanco, que hoxe estaba que rachaba con todo; é un brilante traballador e "mitineiro" excelente, pero hoxe, con cada unha das súas palabras, fíxonos saltar da bancada en varias ocasións; grandioso!
Por certo, só de Ferrolterra fomos máis de 400 persoas, unha boa morela delas veciños e veciñas de Fene; tamén un record de asistencia para nós.
Gústame esta muller

Coñezo a Mar Barcón dende hai anos, de mil e unha historias do partido, pero nunca ata agora tivera a ocasión de compartir traballo con ela; o 11 Congreso Nacional do PSdeG-PSOE decidiu que así fose. Dende entón non paro, de verdade, de alucinar coa ilusión e a capacidade que lle pon ao seu traballo e, algo que é moi importante, co contaxio que xera en todos os que a rodean para implicarse a tope, coas máximas ganas, no enorme, tanto en tamaño como en calidade, proxecto do PSdeG-PSOE.
Hoxe tiña que dicir isto, porque, ademais doutros mil detalles positivos, a xuntanza que tivo esta semana coa direción nacional das Xuventudes Socialistas foi simplemente xenial. O respecto, o apoio constante, o traballo conxunto… estou seguro de que serán as claves nas que traballarán tanto o Partido como as Xuventudes para facer do socialismo a forza de Galicia, como dicía o lema do congreso.
Levamos aínda pouco tempo traballando, pero estou seguro de que esta nova Executiva Nacional con Emilio Pérez Touriño, Ricardo Varela, Mar Barcón, Antón Louro, Pachi Vázquez, José Manuel Lage, Loli Rodríguez, Modesto Pose, Yoya Neira… e tantos outros será quen de facer realidade o mellor traballo e o mellor proxecto colectivo que puxéramos nunca en marcha os socialistas de Galicia. Simplemente, se palpa de xeito descarado no ambiente; verédelo!
Revancha pirata

Quedou o blog varado por vacacións cando vos contaba o triunfo dos vikingos de Río Castro (Fene) sobre os piratas de Redes (Ares) e o secuestro do seu alcalde. Antes de volver á rutina deste tolo mes de setembro, déixovos unha imaxe da invasión de Río Castro por parte dos "amigos" de Redes e da revancha que se tomaron secuestrando agora a este que vos escribe.
A verdade é que o pasamos ben, ata que chegaron os piratas ao Emigrante tivemos tempo de mollalos, enfariñalos, pelaxar… logo pagamos parte da ousadía, pero ao final, coma sempre, celebrámolo xuntos, desta no peirao de Redes. Agora, paz de novo ata o ano que ven.
Por certo, os piratas da imaxe, agás o alcalde de Ares, non son senón mercenarios feneses que se enrolaron nas tropas aresanas. Haberá que telo en conta para a próxima ;-)
