Anotacións arquivadas do mes de October de 2008
Obama, McCain e a verdadeira democracia

Levo anos, como cidadán arquetípico deste país, criticando moitos trazos da sociedade estadounidense, fundamentalmente a dupla moral superlativa, que afecta a todos os seres humanos, pero aquí ás veces parece elevada a rango oficial. Tamén critiquei moitas veces o seu sistema político, especialmente pola súa falta de pluralidade e polo mimetismo case absoluto entre demócratas e republicanos. A semana pasada tiven a oportunidade de viaxar a Nova York (sei que probabelmente non é o paradigma de cidade ianqui) e de visitar ás persoas que traballan na oficina de campaña de Barack Obama; veño gratamente sorprendido.
Creo que todos podemos coincidir en que unha democracia está viva cando os cidadáns e cidadás nos implicamos nela. En España sempre presumimos da elevada participación nas nosas eleccións, fronte á tradicionalmente baixa implicación dos estadounidenses á hora de votar. Pero eles poden presumir de algo do que nos aínda carecemos, probabelmente por mor dunha pantasma franquista que aínda queda no pouso do noso pobo, a normalidade, naturalidade e implicación coa que a xente da rúa, non militante, vive unha campaña electoral.
Blog Action Day: que trema a rede!
Xa estamos aquí, na xuntanza de bloggers socialistas, véndonos as caras moitos dos que habitualmente nos "vemos" a través da rede e celebrando en comunidade o blog action day, destinado a falar da pobreza no mundo. Mar, a nosa tremenda Secretaria de Organización, invitounos ao inicio desta xornada a que hoxe "tremera a rede" coas nosas opinións sobre este tema, que dende a nosa ideoloxía socialista e solidaria, que é o mesmo, reflexionásemos sobre un dato, os 800 millóns de persoas que a día de hoxe pasan fame no mundo.
Cando un pensa en erradicar esta lacra ou cando ve con orgullo ao presidente Zapatero falar na ONU da necesidade de ver este problema como un dos principais problemas do mundo actual, aínda que non o padezamos de modo xeral en occidente, ou mesmo cando o vemos liderar un quinteto mundial contra a fame, tendemos a pensar que se trata dun esforzo titánico ou dunha utopía imposible de conquerir. Sen embargo, só precisamos dun dato para ver que non é así: erradicar a fame no planeta custaría moito menos dos 700.000 millóns de dólares que os EE.UU. van destinar a intervir e a salvar a algunha das empresas máis afectadas pola crise; custaría uns 20.000 millóns, que é o 1% do que EE.UU. e a U.E. destinarán a salvar aos seus bancos. Poñer fin á desnutrición infantil no mundo, custaría a metade do que nos custou facer a T4 de Madrid-Barajas.
É paradóxico contrastar, non obstante, a celeridade e alegría coas que os parlamentarios norteamericanos, ou estes días os gobernos da U.E., aproban partidas económicas tan vastas coa tediosa lentitude de décadas falando da fame no mundo e da necesidade, nunca sentida como tal polos que vivimos na parte rica do mundo, de eliminala. A responsabilidade non só é dos gobernantes, é tanto ou máis dos cidadáns e cidadás, que aplaudimos decisións económicas como as apuntadas para asegurar os nosos aforros, pagadas cos nosos impostos, pero logo estamos moi pouco ou nada dispostos a dar, por exemplo, 100 euros ao ano para proxectos de desenvolvemento no terceiro mundo.
Neste blog action day soñarei cun mundo máis utópico, menos individualista e máis solidario. Hai problemas imposibles de resolver, pero a fame, se queremos, podemos eliminala; non basta con solicitarlle aos gobernos que o fagan, a solución pasa primeiro por implicarnos individualmente cada un de nós. Nelson Mandela dixo que esta xeración era a primeira que tiña os recursos necesarios para rematar coa pobreza no mundo, só lle falta a vontade. Fagámolo!
Xuntanza de Bloggers
Parece mentira que chegáramos ata aquí! Aínda lembro cando Lage, Blas e máis eu, hai xa uns anos, empezamos a argallar naquilo que Xaime nos anunciaba como o último en internet, os blogs. Da súa man empezamos a escribir e a deambular pola blogosfera, ata que pouco a pouco lle fomos pillando o tranquillo a isto. Hoxe seguimos a pé de obra e a comunidade socialista en internet medrou unha barbaridade. Este mércores verémonos en Santiago unha boa parte dos bloggers socialistas de Galicia; seguro que ha de ser unha boa xornada. Saúdos a todos e a todas.
A sinatura do meu pai

Un día unha xornalista chamoume exhibicionista por falar neste blog da miña nai e dos meus sentimentos, eu contestei daquela que non se trataba máis que de ser natural nun espazo tan persoal coma este. Co mesmo ánimo, vou falar do meu pai, porque hoxe, por unha tontería inesperada, fun quen de sentilo máis preto e máis real que nunca. Aniceto, o meu pai, morreu cando eu tiña dous anos e, a pesar das moitas fotografías e lembranzas que demostran que me tivo no colo, que me bicou, que me levou de viaxe, que tamén me reñiu, que fomos ao circo xuntos e perdemos unha chaqueta… a pesar de todo iso, eu non o lembro. Acostumbreime a vivir coa miña nai, co meu irma-pai e con Clara, Manolo e Teresa, a miña segunda familia; a súa ausencia foi sempre o normal, polo que, salvo cando o pensaba moito, nunca foi unha peza que faltase no puzle da miña familia.
Con catro anos, cando empecei a ir a párvulos a Finita, a veciña que nos daba clase na súa casa da rúa Tellerías, descubrín que me chamaba José Iván. Na casa quixéranme chamar só Iván, pero cando chegou a hora de mollarme a cabeza na igrexa, o cura non aceptou por bo un nome tan soviético e impuxo, en contra da vontade do meu pai, que marchou cun mosqueo considerable, o bíblico nome de José. Por mil razóns, hai unhas semanas decidín facer xustiza coa súa vontade e comigo mesmo e solicitei no rexistro civil o cambio de nome, para chamarme simplemente Iván. Hoxe fun recoller a documentación.
Cando abriron o libro do rexistro civil para anotar a modificación, quixen ler a páxina na que figura a miña inscrición. Inmediatamente, os meus miolos se desprazaron ata aquel día de abril de 1980 no que o meu pai, no mesmo mostrador e tocando as mesmas páxinas que eu estaba tocando agora, me inscribiu, supoño que case tan emocionado como eu estaba agora. Pasei a folla e alí apareceu a súa sinatura, unha sinatura que nunca vira na miña vida; cos dedos repasei a tinta do bolígrafo coa que rubricou esa páxina hai máis de 28 anos e sentín ganas de chorar. Por primeira vez na miña vida tiven a sensación de atoparme preto del fisicamente, como se acabase de pasar por alí e eu puidese sentir aínda a súa pegada. En fin, unha tontería!
Un lugar do Planeta: Malpica, praia de Beo

A Costa da Morte, a de Malpica neste caso, hai que vela agora, cando o inverno xa ven de camiño. O mar, aquí máis que en ningún sito, é un espectáculo relaxante sen igual e as praias salvaxes son difíciles de comparar ás de calquera outra zona do país.
Onte estiven na praia de Beo, esta que vos deixo na imaxe e que ofrece unha estampa moi diferente á que hai 6 anos nos atopamos uns 80 rapaces/zas de Xuventudes Socialistas, vidos de diferentes lugares de España para sacar coas mans as toneladas de chapapote que a afogaban. Co paso dos días, entre buzos brancos e luvas negras, gocei de experiencias e de xente inesquecible, que hoxe son amigos/as. A todos eles, que na súa inmensa maioría non volveron a Malpica dende os intensos días do Prestige, lles adico esta foto actual do rincón do Planeta que marcou as nosas vidas. Bicos e apertas ;-)
Alegoría de Xaime

Hai anos que Xaime, experimentando unha tarde de domingo co Photoshop, compuxo a imaxe que encabeza este blog, que logo titulou "Alegoría de Iván". Hoxe, estiven con el e con outros compañeiros/as en Malpica, poñendo moitas cousas en orde e vendo diferentes estilos de intervención ambiental na costa, das que poder obter boas ideas; xusto na praia de San Miro, atopei o instante da "Alegoría de Xaime".
