ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do mes de April de 2009

Feijoo, ser ou non ser…

Feijoo presentouse ante o Parlamento de Galicia para ser investido Presidente da Xunta e a súa maior declaración foi "non vimos restaurar o pasado nin derrubar o que se fixo ben". Está ben esta declaración de intencións, reinterpretación do clásico "gobernarei para todos"; é a frase que figura en tódolos mauais de como facer un discurso de investidura, pero a partir da semana que ven tocará gobernar.

Está ben que diga iso e veremos con feitos se o cumpre, pero na campaña foi demasiado lonxe e terá que decidir entre tragarse as súas promesas electorais ou tragrase as bonitas palabras do discurso de investidura.

Separará aos nenos e nenas na escola en función da súa lingua materna? Porá fin á protección da nosa costa? Seguirá apostando polo ensino público? Recurtará o investimento na sanidade pública? Continuará cos políticas de igualdade entre homes e mulleres? Mellorá o financiamento dos concellos a través dun novo pacto local? Apostará pola mocidade como presente e non só como futuro?… A todo isto e a máis terá que respostar Feijoo con feitos, non con palabras e aí coñeceremos ao presidente real. Empeza a conta atrás!

A intelixencia de Obama

Intelixencia e Presidente dos Estados Unidos son dous termos que nos últimos anos foron como o aceite e o vinagre, imposibles de xuntar. Salvo para aqueles que esperasen ver a un discípulo de Carlos Marx, o presidente Obama por agora non está defraudando. A decisión de levantar, logo de moitas décadas, a prohibición de viaxar e enviar divisas a Cuba é un síntoma máis da súa intelixente política.

Estamos falando da diferencia entre a política da testosterona, que tanto gusta á dereita e a política da razón, máis propia da esquerda; entre os que só cren na forza para impor os seus principios e os que cren no diálogo. Os primeiros verán nesta decisión de Obama unha concesión ao réxime cubano, un síntoma de flaqueza, os segundos verán a primeira decisión que toma un goberno do EE.UU. verdadeiramente encamiñada a levar a democracia a Cuba.

O embargo e o aillamento total da illa tivo dúas consecuencias, empobrecer á poboación civil e reforzar, cargándoa de argumentos, a ditadura de Castro. Agora temos a oportunidade dun novo tempo, unha época na que os cidadáns cubanos recibirán cartos dos seus familiares que viven fóra, veranos cada ano en vacacións, saberán de primeira man como se vive noutros países, que non é necesario pasar penurias para ser libres… e os desexos de democracia, de poder vivir no seu país como se vive fóra, irán abríndose camiño inexorablemente.

Actualizado ás 9:11 do 17/04/2009:

Coñecía onte un dato. Cuba está recibindo ao ano uns dous millóns e medio de turistas; coa decisión de Obama xa se espera que só neste primeiro ano esa cifra se incremente nun millón e que nos próximos anos o incremento sexa de ata tres millóns. O desenvolvemento económico, a creación de postos de traballlo, a entrada de cartos… que suporá todo isto elevará irremediablemente o nivel de vida, o benestar, dos cidadáns da illa e esa é a principal arma contra a ditadura, o cabalo de Troia do réxime castrista, unha maioría de cidadáns con tódalas necesidades básicas cubertas salvo a liberdade, que reclamarán cada vez máis insistentemente. Sabémelo ben en España a raíz do aperturismo e do desenvolvemento económico dos anos 60, baseado tamén fundamentalmente no turismo.

O mellor ministro

Moitos de aquí están en Madrid, pero non tantos exercen alí de galegos. Pepe Blanco é dos que cumpre, dos que é capaz de ter as máis altas responsabilidades no Partido e no Goberno e non esquecer as necesidades desta terra, da que se sente orgulloso e que coñece á perfección. Unha vez máis, Zapatero cumpre con Galicia.

Estamos acostumados a velo como o látigo do PP, pero Pepe é moito máis que iso. Para min ten tres virtudes fundamentais, é un traballador infatigable, un magnífico organizador de equipos e sempre ten os pés na terra. Que non o coñeza máis que das súas aparicións no Telediario igual pode quedar sorprendido nos próximos meses, pero quen o coñeza de algo máis saberá de seguro que Blanco non vai pasar sen máis polo Ministerio de Fomento, Pepe será o mellor ministro deste goberno e, sen dúbida, o mellor ministro que teña tido Galicia. Verémolo!

Sen palabras para definir a Baltar

Lendo a entrevista con José Luis Baltar que publicaba onte un medio de comunicación, teño máis claro que nunca por que eu son socialista e el é do PP. Ademais de comentarios un tanto homófobos e bromas de dubidoso gusto, sobre o famoso "carrexo" de votos do que tanto gusta o seu partido espeta:

"Facémolo todos, pero nós gañamos. Hai que traballar. En todas as eleccións vou a Nogueira para vixiar como vai a cousa. Vin a unha parella e tiven dúbidas. Pregunteille se me darían o voto, dixéronme que si e entón cambieilles as papeletas que levaban na man por unhas do PP. Acompañeinos até a mesa e logo comprobei que lle ían a votar ao PSOE."

Non teño palabras. Creo que só neste país pode acontecer isto, que o Presidente dunha Deputación recoñeza publicamente que o día das eleccións pide o voto, que a unha parella lle retira as papeletas que levaba e lle dá unhas do PP, que coacciona a esta parella acompañándoa ata a mesa electoral para vixiar que meten na urna os sobres que el lles deu e que, por riba, logo mira os sobres que levaban antes para saber que ían votar… E non pasa nada! 

Estou por apostar incluso que para moitos que leron a entrevista estas declaracións pasaron inadvertidas e iso é o malo. Damos por feito que as cousas son así e non deben ser así. Episodios coma este son os que me animan a seguir na política activa, a empregar tempo, cartos e todo o que poda para facer deste país un país distinto; aínda que soe estraño dicilo agora, empecemos!  

O futuro das galescolas de Fene

Os educadores e os pais e nais da Galescola de Fene están, e con razón, preocupados polo futuro do centro; hoxe farano público cunha concentración na Praza do Concello ás 17:30. Saben que o PP fixo da loita contra as escolas infantís públicas unha causa estrela da súa campaña e, sobre todo, escoitaron a Feijoo dicir barbaridades como que a nova Xunta segregará aos alumnos destas escolas en función da súa lingua materna.

Non me preocupa que o centro siga aberto, non serán capaces, aínda que o desexen, de pechar as escolas xa en funcionamento e de deixar a milleiros de familias sen poder escolarizar aos seus fillos e fillas na rede pública de 0 a 3 anos. Tampouco me preocupa a separación por linguas, pese a ser unha atrocidade social e pedagóxica, pois non disporá o PP de medios económicos, humanos e físicos para poder facelo. Preocúpame que non se siga extendendo a rede pública de escolas infantís a máis concellos, que se perda calidade no ensino, renunciando por exemplo a ter como agora dous mestres por aula, que se reduza orzamento ou que en Fene non nos fagan a segunda galescola, a do Carril en Barallobre, que xa temos aprobada. Ante iso é ante o que debemos estar vixiantes.

Que lle cambien o nome se queren, que saquen a bandeira dos mandilóns se non lles gusta… a min iso parécenme tonterías e foron probablemente erros no seu día, pero que se preocupen sobre todo de consolidar en Galicia un servizo público e universal de escolas infantís de 0 a 3 anos, que as fagan depender da Consellería de Educación, pois son, ante todo, escolas, non aparcadoiros de nenos e nenas e que coiden a aprendizaxe da lingua, que sempre suma e nunca resta. Farano? Podería anticipar a resposta, pero deixemos antes que fagan.

Falando de Fene en Valencia

Hoxe estou de visita relámpago en Valencia, 24 horas xustas para falarlles de Fene aos compañeiros e compañeiras do Partit Socialista del País Valencià. Invitado pola Secretaría de Política Municipal e Cidades do PSOE e polo amigo Dani Casal, participei como ponente, xunto con David Cierco, Director Xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información do Goberno de España, nun curso sobre comunicación política e, concretamente, sobre novas canles de comunicación, de relación coa cidadanía, na política municipal.

Foi moi gratificante ver como compañeiros/as de Valencia, Alacante, Elxe, Castellón, Burjasot, Benidorm, Xixona, Alzira… se interesan polo traballo que os socialistas estamos a desenvolver en Fene nos últimos anos e como queren saber o xeito no que traballamos para poñer en marcha experiencias similares nas súas cidades. Tamén nós tomamos nota de boas prácticas que se están desenvolvendo en concellos similares ao noso.

Unha aperta dende aquí e un millón de grazas a Dani Casal e aos compañeiros/as da dirección rexional do PSPV-PSOE pola iniciativa e por pensar nos socialistas de Fene como mostra dun bo traballo.

Itinerarios por sexos no hotel

Espero que non soe escatolóxico, pero esta noite, no baño dun hotel de Barcelona, non puden evitar lembrarme de Alberto Núñez Feijoo. Anda el moi liado asegurando que separará aos nenos e nenas das galescolas en función da súa lingua materna, unha aberración como calquera tipo de segregación e aínda non descubriu que nalgúns establecementos coma este diferencian o kit típico de aseo por sexos.

Simplemente por curiosidade vos comento que o de muller inclúe pasta de dentes, panos de papel, esponxa para a ducha, bastoncillos de algodón e unha toalliña desmaquillante; mentres que aos homes nos ofertan pasta de dentes, maquiniña de afeitar e esponxa abrillantadora para os zapatos.

Non é máis que unha anécdota, pero é importante ver como os roles tradicionais de xénero se visualizan tamén en pequenos detalles coma este; por non falar xa de que na habitación haxa un kit de home e outro de muller, en lugar de dous de home ou dous de muller.

Novas colonizacións publicitarias

A pesar do presente que está a publicidade nas nosas vidas, aínda descubro ás veces espazos e anuncios tan ben seleccionados que me sorprenden positivamente. En comunicación sabedes que a clave está en seleccionar ao teu público obxectivo, en saber a quen lle queres dicir algo e, sobre todo, en saber como atopar a esas persoas.

Neste caso, Movistar acertou de pleno. Cantas veces nos temos lembrado ao chegar a outro país de como demo se activará o roaming para chamar desde o estranxeiro? Os cabezais deste avión de Spanair informan sobre este servizo, xusto cando o precisamos, cando estamos de viaxe. Ofrécenos o número ao que hai que chamar, o prezo da tarifa… é dicir algo que nos interesa xusto no momento no que nos interesa, por iso todos lemos esta publicidade e todos a recibimos ben, a diferencia do que pasa, por exemplo, cos intermedios publicitarios na tele, que molestan. En fin, un bo exemplo de como chegar á xente e de como optimizar os cartos investidos nesta campaña.