ivanpuentes.com

O futuro das galescolas de Fene

Os educadores e os pais e nais da Galescola de Fene están, e con razón, preocupados polo futuro do centro; hoxe farano público cunha concentración na Praza do Concello ás 17:30. Saben que o PP fixo da loita contra as escolas infantís públicas unha causa estrela da súa campaña e, sobre todo, escoitaron a Feijoo dicir barbaridades como que a nova Xunta segregará aos alumnos destas escolas en función da súa lingua materna.

Non me preocupa que o centro siga aberto, non serán capaces, aínda que o desexen, de pechar as escolas xa en funcionamento e de deixar a milleiros de familias sen poder escolarizar aos seus fillos e fillas na rede pública de 0 a 3 anos. Tampouco me preocupa a separación por linguas, pese a ser unha atrocidade social e pedagóxica, pois non disporá o PP de medios económicos, humanos e físicos para poder facelo. Preocúpame que non se siga extendendo a rede pública de escolas infantís a máis concellos, que se perda calidade no ensino, renunciando por exemplo a ter como agora dous mestres por aula, que se reduza orzamento ou que en Fene non nos fagan a segunda galescola, a do Carril en Barallobre, que xa temos aprobada. Ante iso é ante o que debemos estar vixiantes.

Que lle cambien o nome se queren, que saquen a bandeira dos mandilóns se non lles gusta… a min iso parécenme tonterías e foron probablemente erros no seu día, pero que se preocupen sobre todo de consolidar en Galicia un servizo público e universal de escolas infantís de 0 a 3 anos, que as fagan depender da Consellería de Educación, pois son, ante todo, escolas, non aparcadoiros de nenos e nenas e que coiden a aprendizaxe da lingua, que sempre suma e nunca resta. Farano? Podería anticipar a resposta, pero deixemos antes que fagan.

11 comentarios

  1. chuza.org | 4 de April de 2009 - 11:46 am

    Concentración en Fene a favor das Galescolas…

    Concentración de pais hoxe (Sábado 4 de abril) na praza do concello a favor das Galescolas….

  2. iván | 4 de April de 2009 - 5:05 pm

    A min o nome de galescola non me gusta, porque en Galiza ou en calquera outro país normal non tería porque ter outro nome que “escola infantil”. E despois que se presta a identificar coas demonizadas ikastolas(que xa son colexios por outra) para que a dereita española critique coa súa “argumentación” surrealista-túzara, até os “mandilones identitarios”.
    En cantos países da UE hai tan baixo nivel intelectual e tan baixo nivel político para poder falar “mandilones identitarios”?

    Non hai nengunha bandeira no mandilón, só teñen o logo das galescolas(que si ten unha bandeira galega). Ese logo é tan atrevido, “tan nacionalista galego” ou podería asinarse até co PPdG(polo menos o PPdG de fai dous días)?
    http://www.blogoteca.com/upload/bit/arti/428-21736-a-galimandilon.jpg

  3. Roi | 4 de April de 2009 - 5:49 pm

    Un gran artigo. Parabéns, pois defendes dúas cousas, con pensamento crítico, a educación pública e o ensino en galego. Dou por suposto a defensa do público en xente coma ti, de esquerdas nunha vila como Fene. Pero tamén se agradece que desde unha persoa, cargo socialista, diga que a lingua só suma e non resta. Precisamos de persoas que desde ámbitos non nacionalistas (que teñen todo o dereito do mundo) defenda a presencia do galego na educación e na sociedade, porque contribúe a que non se convirta nunha lingua de militantes, senón de calquera galego. Con todos os matices que queiras poñer, pero defendendo ese gran patrimonio.

  4. meneame.net | 4 de April de 2009 - 6:16 pm

    Concentración en Fene a favor de las Galescolas [gl]…

    Los educadores y los padres y madres de la Galescola de Fene están, y con razón, preocupados polo futuro del centro; hoy lo hicieron público con una concentración en la Plaza del Ayuntamiento. Saben que el PP hizo de la lucha contra las escuelas in…

  5. Iván | 4 de April de 2009 - 6:25 pm

    Iván, coincido totalmente. Cando falo de equivocación co logo ou co nome, dígoo no sentido de que, por culpa da irresponsable oposición do PP, ao que non lle preocupa poñer en perigo a convivencia pacífica ou o consenso en torno aos símbolos comúns do noso país, unha parte importante da poboación acabou vendo con reservas algo que defendería o 99% dos cidadáns, unha rede pública de escolas infantís.

    Creo tamén que das xusto no punto clave para saber o que vai pasar cando dis “ese logo é tan atrevido, “tan nacionalista galego” ou podería asinarse até co PPdG (polo menos o PPdG de fai dous días)?” Aí está e vai estar o problema, Feijoo trouxo ao PPdeG a posicións anteriores á autonomía; este xa non é o PP de Fraga e de Cuíña, que, con tódolos matices que lle queiramos poñer, tiña un certo halo galeguista-rexionalista, este parece que vai ser o PP de Camps, de Basagoiti, incluso de Esperanza Aguirre, é dicir, nacionalista español e reaccionario. Ogallá estea equivocado!

  6. Iván | 4 de April de 2009 - 6:37 pm

    Moitas grazas, Roi, polo teu comentario! A verdade é que a guerra sobre as linguas é algo que me supera dende hai tempo, non entendo que alguén, menos un cargo público deste país, defenda que é mellor non saber unha lingua que sabela, máis cando do que estamos a falar é dunha lingua propia. O que nos ten que facer pensar en serio é o feito de que isto se vexa normal en demasiadas ocasións e non sexa rexeitado pola poboación.

    A verdade é que quen crea que algún neno galego corre o risco de non aprender o castelán é que vive nun mundo paralelo, o mesmo que quen crea que por empregar como lingua vehicular o galego na educación infantil o seu neno “vaia saír nacionalista”. En fin, moitos prexuízos que levará tempo desterrar, máis se o PP non axuda e se preocupa máis polo voto fácil que polo futuro e o progreso de Galicia.

  7. undefene | 6 de April de 2009 - 2:59 pm

    Como se nota que non eres pai. So quero dicir que non estou en contra do galego, de feito uso por igual calquera dos dous idiomas oficiais da nosa comunidade, non así os meus fillos na escola, que a única asinatura que teñen en castelán e lingua castelá. Agora pregúntoche a ti ¿Cal é a porcentaxe de uso do castelán na Galescola?
    Ao mellor a opción de Feijoo de separalos por linguas non é a máis axeitada, penso que o mellor sería falarlles a metade do tempo en cada unha das dúas, pero dende logo e moito mellor que falarlles exclusivamente nunha delas, como se facía ate o de agora.

  8. sanquera | 6 de April de 2009 - 8:18 pm

    “Un de Fene” falta por saber e que lingua falan ós teus fillos fora da escola para saber se é necesario acostumalos a usar o galego

  9. iván | 6 de April de 2009 - 10:19 pm

    undefene: Pregúntelle a maioría d@s galeg@s que estudaron na democracia o “como se facía ate o de agora”

  10. Óscar Martínez | 11 de April de 2009 - 12:56 pm

    Home…. estando en crise; da que tanto presume o Sr. Feijoo non vexo moi correcto cerrar a rede de Galescolas… é máis xente a engrosar as listas do INEM.

    E en referencia aos idiomas na educacion; non entendo ese odio ao Galego na ensinanza. Personalmente; coma estudante de bacharelato; teño o 50% das materias en castelan e o 50% en galego. ¡Comprobado!

    Un Saudo.

  11. Breo | 19 de April de 2009 - 12:52 am

    Imos ver: 1 canle en galego contra 6 en español, 1 radio en galego contra 20 en español, 2 xornais en galego contra 10 en español, non quero nin pensar no que hai en cada lingua na internet…

    E logo alguén pensa que por dar aulas en galego non se vai aprender o outro idioma? Síntoo moito pero quen pense así ten un problema dos gordos.

    Eu non lle vexo problema ao nome das galescolas. O PP na súa campaña “global” contra as linguas minoritarias do estado chegou a deixar un pouso na xente de que as ikastolas son criadeiros de terroristas. As ikastolas son escolas onde se aprende en euskara, nin máis nin menos. Se alguén pensa que un neno por ir a unha galescola vai sair nacionalista ou terrorista (para algúns seica é o mesmo) ten un problema de prexuizos moi grave.

Deixa unha resposta