ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do mes de July de 2009

Soltando lastre no Día do Deporte na Rúa

Como cada ano por estas datas, hoxe tocou en Fene o Día do Deporte na Rúa, que por culpa da choiva máis que na rúa foi no Pabillón da Xunqueira. Ademais dos máis de 1.000 nenos e nenas e dos centos de pais e nais que pasaron por alí, xa vedes que os membros do Goberno Municipal tamén nos puxemos mans á obra co deporte.

Marcos, un dos responsables do Fitness Fene, que colabora co Concello na organización deste día, leva máis dun ano intentando convercerme para que vaia queimar kilos ás súas clases de spinning. Hoxe non me deixou escapar e aí me tedes, 45 minutos pedaleando con música, aínda que el diga que só foron 30. Acabei bastante canso, pero é moi moi divertido. Creo que pronto me verá Marcos polo ximnasio.

Primeiro Comité Nacional

Onte celebramos en Santiago o primeiro Comité Nacional, máximo órgano do PSdeG-PSOE entre congresos, da nova etapa que abriu o Partido logo das eleccións autonómicas. Foi unha xuntanza importante, aprobamos a nova estructura provincial do PSdeG e abordamos algunha das cuestións de máis actualidade, como a gratuidade dos libros de texto.

Os delegados/as acordamos emprender unha ofensiva sen tregua para defender os dereitos que os cidadáns/as de Galicia conquerimos co anterior Goberno de Galicia, como a gratuidade dos libros no ensino obrigatorio, que puxo a Galicia á vangarda da educación pública en España. Defenderemos eses dereitos e combateremos as pretensións do PP de suprimilos, tanto no ensino, como na sanidade pública ou nos dereitos sociais.

Como dicía antes, dende onte xa temos tamén datas concretas para celebrar os congresos nos que as agrupacións municipais elixirán por primeira vez á súa executiva provincial. O da Coruña será o 7 de novembro. De aquí a aló queda un longo camiño, moi ilusionante, para ir construíndo un proxecto renovado, actual, participativo, que conecte coa cidadanía de toda a provincia e que faga do PSdeG o partido máis importante da Coruña. Imos aló!

Políticos 2.0 en Galapagar

Esta tarde estou en Galapagar (Madrid) na Fundación Jaime Vera, invitado pola Secretaría de Cidades e Política Municipal do PSOE, participando como ponente con David Cierco e Lourdes Muñoz no curso que organiza a dirección federal do Partido sobre "Técnicas e Aplicacións das TIC e a Web 2.0 na Comunicación Municipal". 

A verdade é que é unha honra poder falarlles de política, pero tamén de Fene, a concelleiros, alcaldes e responsables locais e autonómicos do PSOE de toda España. Cando participo neste tipo de eventos, aínda que sexan unhas poucas horas coma neste caso, volto cargado de ideas e de ganas de facer mil cousas no pobo; de experiencias positivas que se están poñendo en marcha noutros concellos de España e que podemos exportar ao noso.

Novos tempos

Novos tempos foi o lema co que os socialistas de Fene nos presentamos ás últimas eleccións municipais, novos tempos foi o espírito co que os concelleiros socialistas iniciamos este mandato municipal e novos tempos é hoxe máis que nunca o sentimento que nos insufla aos sete concelleiros do PSOE un optimismo tremendo e unhas ganas enormes de traballar por este pobo nos dous anos que quedan de mandato.

Pódovos dicir que onte presidín sen dúbida a reunión do Grupo Municipal Socialista máis feliz que lembro. Tódolos concelleiros andaban a 200, con ganas de empezar a traballar xa nas súas novas responsabilidades e de corrixir co seu esforzo os erros que viñamos detectando ata agora.

Veremos como se vai desenvolvendo este período de goberno en minoría, pero hoxe máis que nunca síntome orgulloso dos concelleiros e concelleiras que me acompañan neste novo Goberno Municipal. Sei que farán un excelente traballo e que o pobo de Fene llo recoñecerá.

Punto seguido para un punto aparte

Dende hai unha semana, xusto dende o día no que tivemos a última xuntanza co BNG, era consciente de que as diferenzas entre os dous socios do Goberno Municipal chegaran a un punto de non retorno. Nós non viamos os problemas nin moito menos as causas que eles apuntaban e eles semellaba que tampouco comprendían nin unha das nosas preocupacións. Xa non había espazo para o traballo en común.

Creo sinceramente que ningunha das razóns que aduciu o BNG publicamente explica verdadeiramente o motivo polo cal marchan do Goberno de Fene. Fálase fundamentalmente de parálise administrativa e é certo que o Concello funciona lento, pero xa o viña facendo desde os últimos anos de goberno do BNG. É máis, no tempo que vai deste novo mandato o que fixemos foi poñer medidas para ir desbloqueando esa situación: persoal administrativo, relación de postos de traballo, Unidade de Xestión Urbanística…

Os motivos da marcha do BNG son fundamentalmente dous, a continua e severa perda de votos que veñen padecendo elección tras elección en Fene nos últimos anos e os roces constantes co PSOE, o conflito entre o noso desexo de poñer un punto aparte cos anteriores gobernos de BNG, de cambiar radicalmente este pobo, tal e como pediron os veciños e veciñas nas eleccións de 2007, e o seu desexo de manter e non tocar as políticas dos 28 anos de maioría nacionalista; futuro e presente fronte a pasado, en definitiva.

En calquera caso, as coalicións ou os gobernos en minoría non son máis que fórmulas, medios, para alcanzar unha mesma fin, dar resposta ás demandas dos veciños/as e cumprir a palabra que lles demos nunhas eleccións. Hai dous anos a mellor fórmula para facer isto realidade semellou o pacto de goberno, que agora xa non é efectivo. Pasamos, polo tanto ao plan b, o goberno en minoría.

O PSOE presentouse ás pasadas eleccións cun único obxectivo, iniciar unha nova época en Fene, transformar e modernizar o noso concello, gobernar dun xeito diferente a como o estaba a facer o BNG, iso mesmo foi o que pediron a maioría de cidadáns e iso mesmo é o que faremos a partir de hoxe aínda con máis gañas que onte. Poremos un punto seguido para poder facer realidade o punto aparte que nos pediron os veciños en 2007.