Anotacións arquivadas do mes de October de 2009
18 pinchazos non mataron a Romell Broom

Hoxe El País publica a declaración dun home que sobreviviu á súa propia execución por inxección letal no estado de Ohio. Lela dáme moito que pensar sobre o respecto dos dereitos humanos no país no que o seu Presidente acaba de ser homenaxeado co Premio Nobel da Paz. Desde logo, aínda non sendo unha competencia puramente federal, esta é outras das asinaturas pendentes de Obama:
Eu, Romell Broom, preso no corredor da morte de Lucasville (Ohio), fun levado á miña execución por inxección letal o pasado 15 de setembro. Tras sufrir 18 picadas erradas ao longo de tres horas, a execución foi suspendida. Ésta é a miña declaración xurada daqueles feitos…
Un día moi feliz no meu mundo
Onte foi un día especial, moi feliz. Onte recibín, xunto con Mabel Rivera e Manolo Rivas, a Beca de Honra da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, distinción que recoñece o traballo de determinadas persoas no ámbito da Publicidade e as Relacións Públicas, a Comunicación Audiovisual ou a Xestión e a Administración Pública, as tres titulacións que se cursan nesta facultade.
É sempre unha ledicia que compañeiros/as de profesión ou de titulación se fixen positivamente no teu traballo, pero este recoñecemento aínda me soubo mellor, creo, por ter sido alumno da facultade. Alí estaban profesores, compañeiros de clase, traballadores… cos que pasei un día maravilloso falando de pasado e de futuro.
Decateime de que, a pesar de ter marchado de Pontevedra hai 7 anos, aínda teño e creo que sempre terei un fío invisible que me une á Facultade de Ciencias Socias e á súa xente, un fío que fai que alí sempre me sinta como na miña casa, no meu mundo.
Grazas ao decanato e a tódolos profesores de Ciencias Sociais e da Comunicación por facerme o mellor regalo que se me podería ter feito! E noraboa tamén ás dúas veciñas de Fene que se licenciaron no mesmo acto; unha fermosa coincidencia…
Recoñecemento merecido

Con algo de retraso, pero facéndovos caso a todos aqueles que me suxeristes, pedistes… que retomase a actividade blogueira logo do verán, aquí estou, disposto a manter de xeito máis ou menos regular a actividade desta páxina, cada día máis difícil de compaxinar coa intensa actividade do Concello.
Empezo cun tema persoal. Hai uns días CEHOSGA (Confederación de Empresarios de Hostalaría de Galicia) premiou a traxectoria profesional da miña nai dándolle un dos seus galardóns anuais. Como fillo sentinme tremendamente orguioso ao vela tan feliz, nerviosa, ilusionada co traballo aos seus 68 anos…
Ademais, creo que é un premio que merecen todas as persoas da súa xeración, que traballaron, máis ou menos conscientemente, moi duro para facer deste país e da súa vida un lugar moito mellor. Case sen estudos, aínda saíndo da adolescencia e xa cun fillo pequeno marchou recén casada e cunha maleta baleira a Londres. Alí buscou traballo, apredendeu un idioma totalmente descoñecido e durante 12 anos aforrou cartos ao tempo que gozaba dos anos máis felices da súa vida.
Cunha maleta chea voltou no ano 75 a Fene, abriu xunto co meu pai o Restaurante Mundial e desde aquela a súa vida consistiu en cociñar case tódolos días, criar a outro fillo e non deixar de ser feliz case que nunca.
Grazas a CEHOSGA e á Asociación de Empresarios de Hostalaría Ferrol e Comarca!
