Recoñecemento merecido

Con algo de retraso, pero facéndovos caso a todos aqueles que me suxeristes, pedistes… que retomase a actividade blogueira logo do verán, aquí estou, disposto a manter de xeito máis ou menos regular a actividade desta páxina, cada día máis difícil de compaxinar coa intensa actividade do Concello.
Empezo cun tema persoal. Hai uns días CEHOSGA (Confederación de Empresarios de Hostalaría de Galicia) premiou a traxectoria profesional da miña nai dándolle un dos seus galardóns anuais. Como fillo sentinme tremendamente orguioso ao vela tan feliz, nerviosa, ilusionada co traballo aos seus 68 anos…
Ademais, creo que é un premio que merecen todas as persoas da súa xeración, que traballaron, máis ou menos conscientemente, moi duro para facer deste país e da súa vida un lugar moito mellor. Case sen estudos, aínda saíndo da adolescencia e xa cun fillo pequeno marchou recén casada e cunha maleta baleira a Londres. Alí buscou traballo, apredendeu un idioma totalmente descoñecido e durante 12 anos aforrou cartos ao tempo que gozaba dos anos máis felices da súa vida.
Cunha maleta chea voltou no ano 75 a Fene, abriu xunto co meu pai o Restaurante Mundial e desde aquela a súa vida consistiu en cociñar case tódolos días, criar a outro fillo e non deixar de ser feliz case que nunca.
Grazas a CEHOSGA e á Asociación de Empresarios de Hostalaría Ferrol e Comarca!
3 comentarios
Deixa unha resposta


parabens
Se la ve feliz,no me extraña.
[…] dicía cando en outubro recibía un premio similar da Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia (CEHOSGA), creo que o ten de […]