Anotacións arquivadas do mes de February de 2010
Facebook, blog… política

Había tempo que Luís A. Núñez, xornalista de La Voz de Ferrol e tamén amigo das novas tecnoloxías, me comentara que un día quería publicar algo sobre o uso do Facebook, o Twitter, o blog… na política local e que podíamos falar da miña experiencia.
Onte pola tarde quedamos nas Palmeras (Ferrol) tomamos unha Cocacola e charlamos un rato sobre como todas estas ferramentas virtuais permiten democratizar a política local, que haxa un contacto máis directo entre cidadáns e concelleiros e como, ao igual que todos os demais ámbitos da vida, a poítica inevitablemente camiñará por estes lares.
O resultado é este: Un alcalde colgado de la red
Toda unha vida…
Logo dunha primeira experiencia hai xa anos nunca pensara en volver a Luar, pero onte volvín a reencontrarme con Gayoso; a ocasión merecíao… Acompañei a miña nai a recoller o premio gastronómico Álvaro Cunqueiro a toda unha vida.
Como dicía cando en outubro recibía un premio similar da Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia (CEHOSGA), creo que o ten de sobra merecido, como cociñeira e como persoa. Máis de 30 anos artellando na cociña do Mundial, levantando e mantendo un restaurante dende a nada, ademais de ocuparse dos seus fillos, da casa… son credenciais que a ela, xunto con outros centos de mulleres cunha historia similar, as avalan para polo menos recibir un recoñecemento público coma este.
A estas horas aínda teño dúbidas de se estaba máis nerviosa por recibir o premio ou por estar con Gayoso, pero o certo é que estaba contentísima e para min vela así non ten prezo. Grazas ao Concello de Lalín, ao Clube Gastronómico Rías Altas, ao Parrulo, a todos os que credes no seu traballo e aos clientes e clientas do Mundial, que sodes os que fixestes posible que cumplira o soño de ter o seu propio restaurante.
Logo de Baltar, Baltar…

Pedíanos Aida Pena este venres na SER aos participantes na tertulia de La Ventana de Galicia que nos mollásemos sobre quen críamos que gañaría o congreso provincial do PP de Ourense. Martiño Noriega, Alcalde de Teo e máis eu tiñamos claro que gañaría Baltar junior. Acertamos.
A quiniela non era difícil, pois a loita era desigual. Era evidente que os métodos de Baltar (con eso esta todo dito) darían de novo os seus froitos. Métodos, por certo, que foron os mesmos que lle valeron a Fraga, a Feijoo, a Rajoy ou a Rueda cando precisaron gañar eleccións ou procesos internos, pese a que agora finxan hipócritamente descualificalos ou afastarse deles para defender ao outro candidato.
As prácticas do Baltarismo (enchufe de familias enteiras, venda de favores…) parécenme deplorables, pero dubido seriamente se é peor para Galicia o caciquismo baltariano do país ou o facherío madrileño feijoiano. Creo que me parece menos malo o primeiro, aínda que o desexable fose unha corrente "normal" dentro do PPdeG, corrente que de momento semella imposible.
