Toda unha vida…
Logo dunha primeira experiencia hai xa anos nunca pensara en volver a Luar, pero onte volvín a reencontrarme con Gayoso; a ocasión merecíao… Acompañei a miña nai a recoller o premio gastronómico Álvaro Cunqueiro a toda unha vida.
Como dicía cando en outubro recibía un premio similar da Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia (CEHOSGA), creo que o ten de sobra merecido, como cociñeira e como persoa. Máis de 30 anos artellando na cociña do Mundial, levantando e mantendo un restaurante dende a nada, ademais de ocuparse dos seus fillos, da casa… son credenciais que a ela, xunto con outros centos de mulleres cunha historia similar, as avalan para polo menos recibir un recoñecemento público coma este.
A estas horas aínda teño dúbidas de se estaba máis nerviosa por recibir o premio ou por estar con Gayoso, pero o certo é que estaba contentísima e para min vela así non ten prezo. Grazas ao Concello de Lalín, ao Clube Gastronómico Rías Altas, ao Parrulo, a todos os que credes no seu traballo e aos clientes e clientas do Mundial, que sodes os que fixestes posible que cumplira o soño de ter o seu propio restaurante.
Non hai comentarios pero ainda estás a tempo
Deixa unha resposta

