ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do tema: 'Fene'

La Isla del Quesito

Xaime ten un compañeiro de traballo de Fene que hai unhas semanas lle contou que no noso pobo hai un lugar chamado "La Isla del Quesito". Dende aquel día está intrigado por decubrir, a través deste post, como é esa illa surrealista que coñecemos todos os de Fene.

A historia é ben sinxela. O río de Magalofes servía para regar os numerosos herbales que había no fondo de Perlío. Preto do Campo de Fútbol dos Pinares o cauce se bifurcaba e xusto nese lugar, nun momento indeterminado da nosa historia, alguén puxo un triángulo de formigón para desviar mellor a auga, pola esquerda o río fluía cara ó mar e pola dereita a auga corría por unha canle de rego que daba servizo ás fincas da zona. Finalmente, a erosión fixo que tamén houbese sempre un pequeno fío de auga que pasaba pola base do triángulo.

La Isla del Quesito é pequena, uns tres metros cadrados, pero era un lugar máxico, enclavado nunha fermosa zona de fraga, no que case tódolos nenos e nenas de Perlío temos pasado tardes enteiras. Encima do Quesito falamos, rimos, brincamos e caímos algunha vez ó río. Era tamén o lugar máis lonxe ata o que íamos en bici dende a nosa casa ou, sendo xa adolescentes, a pasear cos amigos falando das últimas historias do cole. Supoño que, a falta dunha costa máis agreste, o Quesito achegábanos ó soño que case todos tivemos de nenos de vivir nunha illa, eses lugares fantásticos coroados por dúas palmeiras que só existían nos libros de texto.

Hoxe non hai illa. Os herbales non se regan, moitos deles están sendo edificados, e  xa non é preciso desviar o río. Como vedes na imaxe, a canle da dereita desapareceu, pero o Quesito segue aí, como unha ruína que aínda nos lembra o esplendor de tempos pasados. É un deses espazos de fantasía que cando pechamos os ollos compón o álbum da nosa infancia.

Borra a Franco do mapa!

Da historia non o imos, nin debemos, borrar, pero si que temos que limpar, por decencia e xustiza, os nosos pobos de todo tipo de exaltación fascista. Neste senso, a nova Lei de Memoria Histórica obriga a institucións e particulares a retirar toda a simboloxía franquista do seu entorno.

Para axudar nesta tarefa de limpeza, o xornal Público creou na súa web unha sección titulada "Limpia tu ciudad de símbolos franquistas", na que os lectores podemos enviar fotos de tódolos recordos da dictadura que haxa nos nosos pobos e, así, ir configurando un mapa coa súa localización.

Esta que vedes na imaxe é a cruz de homenaxe ós caídos por España que se construiu en Fene en 1953. Baixo a cruz aparece o xugo e as frechas da Falanxe e no corpo inferior, o escudo de España co paxarraco negro. Logo de que se teñan retirado tódolos símbolos dos edificios oficiais e se teña variado o nome dalgunhas rúas, esta cruz é o único monumento franquista (interpretando a palabra monumento nun senso moi amplo) que sobrevive no noso concello.

Está no adro da Igrexa Parroquial do Divino Salvador de Fene, propiedade do Arcebispado de Santiago, razón pola que se mantivo en pé ata agora. Supoño que a Lei de Memoria Histórica convertirá de novo este lugar sagrado no que nunca debeu deixar de ser, un lugar de encontro de tódolos veciños crentes, con independencia da súa ideoloxía. Se o pensamos ben, é aberrante que o entorno dunha igrexa serva para facer apoloxía dun réxime tirano e asasino como o Franquista.

Rematamos coas bandeiras

Parece que o patriotismo da Hispanidade vai, se fora católico diría que grazas a deus, rematando, pero os seus efectos psicolóxicos aínda permanecen nalgúns coma min. Onte inauguramos a primeira Galescola de Fene e mentres recibíamos ós nenos e nenas no centro non deixaba de mirar, coa sombra de Rajoy na miña mente, para o logotipo.

Facendo autocrítica e tocando un pouco as narices, pregúntome ¿Que pasaría se no edredón que parece na imaxe, baixo o que durmirán tódolos nenos e nenas, ou na toalla, en lugar da bandeira de Galicia, aparecese bordada a bandeira de España? 

A sensibilidade do ladrillo

María (nome inventado) ten 68 anos e todo o traballo, os sacrificios e a memoria dunha vida concentrados na súa vella casa de pouco máis de 50 metros cadrados. A porta de madeira áspera, supoño que de carpintería caseira, xunto coa ferruxe que adorna o entorno son testemuña da súa escasa pensión, coa que vive e mantén en pé os curvados muros da vivenda, uns muros que repousan, por tres dos catro lados da casa, sobre altos edificios que minimizan aínda máis o pequeno espazo de María.

María non ten estudos, non entende de desenvolvemento urbanístico e vive soa. Hai días recibiu a visita dunha promotora que quere urbanizar a zona e comprar a súa casa. Ela non opuxo grande resistencia, non está para iso, simplemente pediu a cambio un apartamento no edificio que se levantará na súa parcela. A promotora non cede. Ela di que lle vale unha vivenda con menos metros que a súa, pero que o quere é un sitio no que poder vivir, non quere quedar na rúa, soa e con 68 anos. A oferta da promotora é insultante, 6 millóns de pesetas. María mantense firme e dinlle que o pense, que igual lle expropian a casa. Ela non sabe que iso non se pode facer e derrúmbase; nos últimos sete días case nun durmiu.

Hoxe, a primeira hora, María estaba na porta do meu despacho. Entre choros contoume o que lle pasaba e díxome que viña ó concello, porque xa non sabía a quen pedirlle axuda. A impresión que me causaron as súas bágoas impotentes é difícil de describir. Non me paraba de repetir que non quería quedar na rúa, que non a podían deixar así. Non soporto os abusos de poder que se cometen contra xente boa e indefensa, como María. A rabia e o mal corpo que me deixou a súa historia aínda me dura agora. Nos próximos días verémonos coa promotora a ver se somos quen de achar unha solución consensuada. Espero que si!

Lamatumbá en Fene. Festa!

Chega a Fene un dos mellores grupos do país, Lamatumbá, que pese á marcha dalgún dos seus compoñentes orixinarios seguen a ser dos que mellor música e máis festa fan. Se vendo este vídeo non vos formiguea o corpo có mono dunha boa festa, algún podería dicir que o sangue non flúe polas vosas veas.

Hoxe ás 22:00 h. na Praza do Concello. Estades todos e todas convidados; é de balde grazas ó patrocinio da Fundación Caixa Galicia ;-)

Actualizado ás 01:21 do 03/09/2007:

Acabo de chegar do concerto e veño flipado, non polo ben que estiveron, que xa o esperaba, senón porque entre a xente atopei á miña nai (case 67 anos) movéndose ata onde os seus osos extraordinariamente traballadores llo permiten e gozando da música como calquera das moitas mozas e mozos que brincaban ó son de Lamatumbá. Comentoume ó marchar o moito que lle gustara o concerto e, por suposto, o guapiños que son tódolos rapaces que tocaron.

O dito, uns xenios!

Liberdade dos medios galegos

O xornal dixital Gazeta Nación publica hoxe unha entrevista que me fixo onte Marcos S. Pérez para falar dos retos que ten Fene por diante, da nova etapa que está a iniciar o noso pobo, da importancia da blogosfera na política actual… Unha entrevista que resposta a unha intención, para min moi afortunada, de traer ó primeiro plano da actualidade a realidade de concellos como Fene que, normalmente e por razóns obvias, non atopan oco nos grandes medios de comunicación máis aló da súa sección destinada á información local.

Entrei na web de GZnacion para ver o resultado da entrevista e para coñecer tamén o que estaban a dicir os lectores sobre o contido da mesma. Xunto cun bo e profesional tratamento da información por parte do xornalista e con algunha opinión interesante sobre o tema, o que atopo é: 

"oxalá os do bloque saísen nos medios do psoe tanto como saen os do psoe nos medios do bloque"

"os medios nacionalistas galegos ou afíns (Gz.Nación, Vieiros, Tempos Novos, etc.) danlle de máis liñas a esta xente, mentres que nos seus evitan completamente ao BNG. Polo tanto, que aparezan nos seus. Nin Ivan Puentes, nin Loli, nin a Seara, etc."

Se esta é a visión que ten o nacionalismo militante algún sector do nacionalismo militante (sei, evidentemente, que nin todos nin a maioría) sobre a liberdade de expresión e a pluralidade e independencia dos medios de comunicación, entendo perfectamente porque dende determinadas esferas do BNG da Vicepresidencia da Xunta se está a plantexar estes días o boicot ós servizos informativos da TVG. Non obstante, creo que esta visión dos medios non é a que mellor casa cunha sociedade libre e democrática.

Fene no “cuponsito”

Á miña vea friki gustaríalle ver a Carmen Sevilla presentando no Telecupón o "cuponsito" coa imaxe de Fene. En calquera caso onte compartín rolda de prensa con Carlos Fernández Lamigueiro, director da ONCE en Ferrol, para  dar a coñecer o cupón de hoxe, que saiu á rúa coa imaxe da Casa do Concello de Fene, obra do xenial Alberto Campo Baeza.

A ONCE distribuiu por toda España 5.700.000 cupóns coa imaxe de Fene; imaxinade o que supón iso como campaña de promoción. Estou convencido de que Fene pode ter o seu espacio no sector do ocio e do turismo e por iso valoro especialmente a iniciativa da ONCE, que, como dixo Lamigueiro, responde ó desexo de dar a coñecer un concello que non só é un lugar de paso.

De non telo xa, non sei se estaredes a tempo de mercalo, porque onte en Fene xa estaba agotado (eu atopeino nun bar de Pontedeume) e hoxe di o xornal que xa non queda en ningún concello da comarca. En calquera caso, espero que toque, pero que toque unha boa cantidade para non vernos na tesitura que me contaba o outra día unha muller que mercou un cupón coa imaxe do seu municipio, cupón que foi premiado cunha pequena cantidade, polo que a muller estivo varios días debaténdose entre cobrar o premio e desfacerse do boleto ou conservar este e renunciar ós cartos. Ó final quedouse co cupón.

Moita sorte a todos e todas e, se non vos toca, gardade o cupón, que seguro que nuns anos terá un certo valor como peza de colección, polo menos para ilustrar os libros da historia de Fene ;-)

Xuntanza cos Barallobre

Foto: La Voz de Galicia. César Toimil.

Onte pasei o día en Barallobre, recibindo e ensinando esta parroquia ás máis de 70 persoas que se achegaron a Fene para compartir xuntanza con homes e mulleres de todo o mundo que levan este raro topónimo no seu apelido.

Mentres camiñábamos da Igrexa á Casa da Maleta fun charlando cunha Barallobre do Puerto de Santa María e cun Barallobre de Madrid, que estaban asombrados coa beleza de Fene. Mentres eles camiñaban coa boca aberta admirando a espectacular vista da Ría dende o Souto Grande, as hortensias, as silvas ou a herba verde, pensei nos centos de conversas con xente de aquí sobre se Fene é bonito ou non e pensei que non estaba tan equivocado tódalas veces que dixen crer no potencial turístico do noso concello.

Tres dos Barallobre de fóra de Galicia marcharon pregándome que lles facilitase información sobre casas á venda en Fene, porque estaban decididos a volver regularmente para pasar tempadas máis longas no noso concello.

Sempre o crin, pero hoxe estou máis convencido de que traballando ben podemos lograr que o turismo sexa unha boa fonte de ingresos e emprego para Fene. Simplemente, como noutras cousas, temos que crer na nosa capacidade e iniciativa.

O novo goberno de Fene

Acordo de Goberno 2007

Expresións de entusiasmo e ánimo, xunto con “porqués” incrédulos, combinánse esta semana dende que o PSdeG-PSOE e o BNG asinamos o acordo para gobernar Fene os próximos catro anos. Seguro que tanto a uns como a outros nos gustaría ter gobernado en solitario, pero os veciños/as decidiron co seu voto que non houbese maiorías absolutas e que, polo tanto, tivese que haber necesariamente pactos.

O PSOE, como forza máis votada, pode formar goberno co PP, algo que ideoloxicamente non é asumible para min e creo que para ninguén de esquerdas, ou co BNG. As razóns polas que entendo que este acordo co Bloque é positivo son:

  • Permitirá cumprir o compromiso de cambiar Fene, xa que o pacto inclúe un Programa de Goberno no que se recollen todas aquelas medidas que os socialistas comprometemos na campaña electoral.
  • Creo que o máis importante para cambiar as políticas son as persoas, máis que as siglas: dos 5 concelleiros do BNG só 1 ven da anterior etapa e dos 7 do PSOE só 2 estivemos na ultima corporación. É dicir, á marxe das siglas, o novo goberno de Fene inicia de verdade unha nova etapa no concello.
  • Poderíase optar polo goberno en minoría e os pactos co BNG dende a oposición, pero un goberno de coalición é sempre máis forte e máis estable, é dicir, investirá máis tempo e recursos en traballar e solucionar problemas dos veciños que en dilatar discusións estériles semanas ou días para aprobar calquer asunto por mínimo que sexa.
  • O PSOE e o BNG son as dúas formacións políticas máis votadas en Fene; representan a case un 65% dos veciños/as e suman 12 dos 17 escanos do Concello.

Presenteime ás eleccións convencido de que había que cambiar Fene e creo que esta é a mellor vía para facelo, por iso decidimos compartir o goberno. Non vos minto, ademais, se vos digo que estou entusiasmado con este novo equipo, tanto cos concelleiros/as socialistas como cos nacionalistas; creo de verdade que seremos un só goberno e que, sobre todo, seremos quen de traballar a tope para transformar este concello.

Un último dato: hoxe constituímos a Xunta de Goberno Local, a cabeza do goberno, formada polo Alcalde e os catro Tenentes de Alcalde; o maior dos seus membros ten só 39 anos e a media de idade deste órgano é de 33 anos. Máis renovación e máis mocidade é case imposible; gústame!

600 sinaturas por hora

Sinatura Diplomas

Este sábado pola tarde celebraremos en Fene a clausura das escolas de natación cunha festa acuática na Piscina de Centieiras. Hoxe tocoume asinar os 600 diplomas que prepararon os traballadores/as de Cultura e Deportes para entregarlle ós participantes; algún que pasou pola Alcaldía non foi quen de resistirse á tentación de retratarme co “tocho” de títulos diante.

« Páxina anteriorPáxina seguinte »