ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do tema: 'Ferrolterra'

Os “bio”combustibles

Precisamente esta semana, no transcurso dunha xuntanza do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Ferrol, falamos de biocombustibles. Analizamos as posibilidades de negocio do Porto de Ferrol no tráfico de aceites vexetais para a fabricación de biodiésel e varios celebramos a aposta por sectores de mercado ecolóxicos que, ademais de ser un negocio puro e duro para Ferrolterra, nos permitisen avanzar algo máis na senda do desenvolvemento sostible.

Hoxe matizo o meu optimismo inicial, por algo que xa sabía, pero que a cómoda sociedade occidental te condena con frecuencia a esquecer. Leo en Público unha reportaxe magnífica na que a veterinaria española Karmele Llano denuncia o arrase literal que está a padecer a selva tropical de Indonesia, precisamente para obter aceite de palma co que fabricar biodiésel. Desaparecen árbores e todo tipo de animais e, por se fora pouco, xurde na zona un negocio paralelo, o maltrato e tráfico ilegal de primates.

Parece que o desenvolvemento sostible está bastante reñido coa economía global. Sempre que produzamos a grande escala, aínda que pareza que estamos optando por unha solución ecolóxica, estamos destruíndo e repetindo a eterna condena deste planeta, explotar e empobrecer ós países máis pobres para que os países ricos podan ser cada vez máis ricos. Isto non é sustentabilidade!

Primeiro Orballo de Maio

Primeiro de Maio 2007

Ademais dos maios de Canido, o Primeiro de Maio é a xornada que nos trae manifestacións de traballadores/as de todo o mundo, defendendo a liberdade, a igualdade e os dereitos sociais para todos e todas.

Salvo algún ano que andaba por fóra, sempre empezo este día coa UGT de Ferrol e os compañeiros/as do PSdeG de toda a comarca. Primeiro, ofrenda floral ó fundador de ámbalas dúas organizacións, Pablo Iglesias, no monolito do Cantón de Molíns. Logo, manifestación con CC.OO. dende o Inferniño ata a Praza de Armas.

Ademais da choiva e o frío, o negativo deste ano, como noutros, foi a falta de unidade sindical. Por unha banda, UGT, CC.OO., PSdeG-PSOE, IU e varios colectivos máis, por outra, a CIG. Á marxe das nosas diferencias, esta debería ser unha xornada reivindicativa na que todos xuntos nos puidésemos manifestar reclamando máis dereitos para os traballadores e traballadoras de todo o mundo, porque niso estaremos de acordo, digo eu.

Os acordes da Internacional, que inundaron a Praza de Armas máis que a choiva, lembráronos de novo que outro mundo é posible e que, sobre todo, debemos traballar día a día por el. Hoxe celebramos, ademais, que temos un emprego de máis calidade e máis estable, aínda que quede moito por facer.

Viva o Primeiro de Maio!

Pelotón Socialista polo Patrimonio da Humanidade

Marcha Ciclista polo Patrimonio de Ferrol

Tódolos cidadáns e tódolos representantes políticos da comarca estábamos convocados hoxe pola mañá por Radio Voz Ferrol (105.4 da FM) para participar na Marcha Ciclista en Apoio da Candidatura de Ferrol a ser declarado Patrimonio da Humanidade. Foi un trazado bastante sinxelo polo centro da cidade; moitísimos cidadáns e bastantes políticos participamos nesta xornada que foi realmente divertida, unhas horas das máis amenas e relaxantes das que teñamos pasado últimamente que, a min polo menos, me serviron para desconectar algo da frenética actividade electoral destes días.

Quédome sen dúbida co tramo que fixemos por dentro do Arsenal, un recinto descoñecido para a inmensa maioría dos ferroláns e ubicado na zona máis privilexiada da cidade, toda a franxa costeira. Foi unha delicia ver o outro lado do muro, descubrir o impresionante patrimonio que temos agochado e facelo, aínda por riba, pedaleando ó lado de Alberto, arqueólogo e candidato do PSdeG en Valdoviño, que nos ía explicando a historia do Arsenal, e de Vicente Irisarri, que nos contaba entusiasmado un dos proxectos estrela da súa candidatura á Alcaldía de Ferrol, o bulevar que quere facer en parte da zona hoxe ocupada por Defensa.

Seguro que mañá máis de un dos políticos terá maniotas, porque a algúns ben se lles notaba que non collían a bici dende hai tempo, pero a causa terá merecido a pena. A declaración de Ferrol como Patrimonio da Humanidade, a posta en valor de toda a súa riqueza, pode ser xusto o que necesitemos, primeiro para que nós mesmos valoremos moito máis a cidade que temos e logo para que os de fóra borren a imaxe xeralmente gris e negativa que teñen dela.

Ó final da marcha, os candidatos socialistas fixemos foto de familia, perfectamente uniformados coa camiseta de Radio Voz. De esquerda a dereita: Santos (As Somozas), Alberto (Valdoviño), Valentín (As Pontes), eu (Fene), Irisarri (Ferrol), Julián (Secretario Xeral de XSG Ferrol) e Juan (Mugardos).

Xuntanza de Palilleiras en San Valentín

XII Xuntanza de Palilleiras de Ferrolterra

O Centro de Promoción Social de San Valentín (Fene) organizou este sábado a XII Xuntanza de Palilleiras de Ferrolterra, que como tódolos anos, foi un éxito. Non teño nin idea de bolillos, pero entre Amalia (a 5 da nosa candidatura), Héctor (un rapaz fantástico do CPS co que botei onte unhas cantas risas e que, por certo, é candidato polo BNG) e a muller que aparece na imaxe explicáronme algo desa arte que, como me dicía unha das palilleiras, é moi fermosa, pero moi moi lenta.

Ó final tocoume entregar o premio ó grupo de palilleiras máis afastado de Fene; dinllo a unhas mulleres que viñan desde Guadalajara. Estaban tan contentas que ata se quixeron facer unha foto con nós para levarlla de recordo á súa profesora de bolillos.

Á marxe do motivo central da xuntanza, co que máis satisfeito me quedo é coa constatación, unha vez máis, de como o traballo organizado dunha sociedade como o CPS é capaz de xuntar e de unir a toda unha parroquia na organización dun evento coma este. Iso é o que lle da vida e sentido ás entidades sociais e o que nos demostra que, pese ó que algúns nos digan, o movemento asociativo non está nin moito menos morto, aínda que é certo que podería estar mellor.

Domingo electoral

Xaimiño e Iván

Nótase que as eleccións están cada vez máis cerca en que, por exemplo, case non lembro a última fin de semana na que non tivésemos polo menos un acto público. Hoxe comecei literalmente o día con Nacho, chamoume cedo ó móbil para que o acompañase ó Hotel Eumesa; ás 12:00 presentábamos alí a candidatura do PSdeG-PSOE na vila, encabezada por Agustín Vilariño, e quería comprobar que todo estaba en orde.

Os Albertos, como lle chama Blas ós compañeiros (feneses, por certo) encargardos da luz e do son de tódolos actos do PSdeG, daban os últimos retoques, mentres Nacho, Bernardo e máis eu pechábamos flecos do protocolo e do programa do acto. Ó final, un éxito, con mención destacada para o vídeo que Nacho fixo da candidatura, vídeo ó que se entregou durante toda esta semana sen descanso e que a piques estivo de provocar que Lidia, con razón como sempre, decidise separarse xa antes incluso de casar con el.

A tarde paseina con Xaime e con Marta en Cabanas. No piñeiral da praia fixemos a foto para o cartel de precampaña de Koke, María José Cabana, a candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía, elixida polos militantes da súa Agrupación esta mesma semana. Apetecíame facer esta foto, porque Koke, ademais de amiga, é unha muller loitadora e de principios que se merece todo o bo que lle pase na vida e na política; espero vela moi pronto de Alcaldesa.

Como podedes ver na imaxe deste artigo, na sesión fotográfica estivo tamén Xaimiño, o neno de Xaime, que ten que ir aprendendo o oficio e que luceu entre os turistas as novas gafiñas de sol que lle mercaron os seus país. Que enchido me sentía con el no colo mentres paseábamos polo piñeiral!

Acabamos o día en Redes (Ares), nunha ventá da casa dos pais de Nacho e Marta, na que Xaime me fotografiou para compoñer unha das imaxes máis orixinais da campaña do PSdeG en Fene, que poderedes ver nunhas semanas.

O vindeiro domingo estaremos en Madrid, na Festa Mitin que o PSOE organiza na Praza de Touros de Vistalegre para celebrar os 128 anos do noso partido. Como dixo hoxe Agustín Vilariño, os primeiros afectados da nosa decisión de participar na política son as nosas parellas e a nosa familia; a verdade é que moito nos aturan!

Fervor relixioso?

Imaxe extraída de www.semanasantaferrol.org

O luns, durante a inauguración en Fene da exposición adicada ó 75º Aniversario da II República, charlaba con algún dos membros do Ateneo Republicano de Galicia sobre a Semana Santa. Preguntábanse eles se as confrarías solicitarían permiso á Delegación do Goberno para “manifestarse” durante estes días polas rúas e eu lembráballes como en Fene, durante a II República, o cura da parroquia fora denunciado polo concello por celebrar unha procesión sen autorización do poder civil; algo impensable hoxe en día.

Dende o meu agnosticismo practicante, cada vez máis próximo ó ateísmo, normalmente sempre me deixo caer por algunha das procesións da Semana Santa de Ferrol, declarada de interese turístico nacional, e sempre me pregunto o motivo polo que están alí milleiros de persoas. ¿Porque se trata da case única oferta cultural e social destes días, por tradición ou incluso pola beleza plástica do asunto, caso meu, ou porque esta semana sae do armario o fervor relixioso que moitas persoas disimulan o resto do ano, ata chegar ó punto de declarar que a Igrexa é a institución que menos confianza nos ofrece ós españois?

A resposta, que non me inqueda en absoluto, creo que está lonxe da interpretación que hai anos facía Luís María Ansón nun Canela Fina de La Razón, no que dicía algo así como: de Norte a Sur, de Este a Oeste los pasos y el fervor religioso recorren nuestro país; esa es la mejor muestra de lo equivicados que está todos los progres que nos intentan vender una sociedad cada vez máis laica.

Eixo Ferrolterra - A Coruña

Presentación Candidatura A Coruña 14.03.2007

Asistín onte á noite á presentación da candidatura do PSdeG-PSOE da Coruña, unha lista na que ademais de Javier Losada, para min, xunto con Orozco, o mellor Alcalde de Galicia, vai, a parte dalgunha amiga máis, unha persoa e unha política excepcional, Loli Rodríguez, amiga, Secretaria Xeral das XSG e Presidenta do Consello da Xuventude, que tivo unha brilante intervención no acto de onte. Espero que teña moita sorte nesta nova porta que abre na súa traxectoria, porque vale moito e porque o merece.

Vinme para Fene, sobre todo, cunha declaración de intencións do Alcalde que comparto plenamente, traballar dende os concellos, polo menos dende os socialistas, polo impulso do eixo Ferrolterra - A Coruña. Trátase de artellar unha grande área metropolitana entre os dous extremos do Golfo Ártabro, que, cunha poboación similar á de Vigo, convertiríase no motor económico e social de polo menos o Norte de Galicia.

Como xa dixen noutra ocasión, é hora de que deixemos de ignorarnos mutuamente e que empecemos a colaborar en transporte, creación de emprego, servizos sociais, vivenda, infraestruturas… A verdade é que o reto paréceme apaixoante.

¿Que facemos con ASTANO? (V) -Solución da Xunta de Galicia-

Foto: EFE / José Mauriz. Extraída de El Correo Gallego

Asistín esta mañá á presentación que o Conselleiro de Economía e o Presidente da Xunta fixeron en Ferrol do “Proxecto de Desenvolvemento Integral de Ferrol, Eume e Ortegal 2007-2011“, resultado do estudo feito para a Xunta de Galicia polo Boston Consulting Group. Graficamente, este traballo plantexa que o declive de Ferrolterra ven motivado por basear a súa economía en dous sectores esgotados, o textil e, sobre todo, o naval, combinado cunha carencia histórica das infraestruturas necesarias para poñer en marcha unha economía competitiva.

De acordo con isto, sinala como camiño a seguir o desenvolvemento doutros sectores económicos nos que podamos ser competitivos e a execución das infraestruturas básicas (Porto Exterior, Autovía coa Meseta e co Cantábrico e Ferrocarril, ademais de chan industrial). Así, mantendo o naval e o textil como base, Ferrolterra debe desenvolver nos próximos anos tres sectores que terán que ser os futuros motores da nosa economía, o eólico, tanto na producción de maquinaria como na xeración de enerxía, o turístico e de ocio e o loxístico, vencellado ó desenvolvemento do Porto Exterior. Tamén se deben dar os primeiros pasos en tres sectores de futuro, o da biomasa, os biocombustibles e a acuicultura.

Con respecto a ASTANO, a Xunta plantexa manter o estaleiro público de Navantia, incrementando a súa carga de traballo militar, e nos 200.000 metros cadrados que liberará inicialmente a SEPI desenvolver un ou dous proxectos privados vencellados ó sector eólico e/ou maremotriz. ASTANO seguirá sendo público, diversificaremos a nosa economía, facéndonos competitivos en sectores en expansión e xeraremos emprego e riqueza que se sume á de Navantia. O obxectivo: 4.500 empregos directos en Ferrolterra nos catro anos de vixencia deste Plan.

A ausencia no acto do Alcalde de Fene, que leva semanas repartindo panfletos contra o PSOE e chamando á mobilización cidadá, paréceme lamentable. Demostra moi pouca lealdade institucional e, sobre todo, amosa ás claras o que xa dixen en varias ocasións, que ó BNG de Fene ASTANO interésalle, sobre todo, na medida na que lle sexa rendible electoralmente, senón non se explica a súa ausencia dun acto oficial no que se dan a coñecer aspectos polos que supostamente estaban tan preocupados. Debe ser que o novo afán privatizador os ten absortos ou, tal vez, sexan as dotes de “pitoniso” electoral coas que nos sorprendeu hoxe Juan Juncal.

¿Que facemos con ASTANO? (IV) -Versión CrítiCC.OO.s-

Imaxe extraída de http://caraaovento.blogspot.com/

Chegoume hoxe un manifesto sobre Navantia Fene asinado por un grupo de traballadores de Navantia Ferrol, autoalcumados CrítiCC.OO.s, en referencia, supoño, ás posicións que manteñen dentro do sindicato no que militan. Nel, cun clásico tono de loita proletaria, chaman a atención sobre unhas cantas verdades curiosas:

Sorprenden algunhas cousas que din os dirixentes do BNG, que sempre defendera o carácter público de Fene e que ten os votos de moitos traballadores. O 16 de febreiro, durante un acto en Esteiro, Anxo Quintana afirmou que articulaban unha proposta “dentro da máis pura e sana economía de mercado”.

Non se quedou atrás Francisco Rodríguez -Líder da Comunista UPG- no Congreso, onde alegou que “Galicia en particular ten o dereito de privatizar, de ir ó libre mercado, de posibilitar a iniciativa privada”.

Rematan o escrito cunha reflexión que, afirman, debería facerse o BNG, “preguntarse o mesmo que nunha ocasión se preguntou August Bebel, fundador do socialismo alemán: Cando a dereita me aplaude, eu pregúntome, vello Bebel ¿que estas facendo mal?.”

Javier, poñémonos mans á obra?

Foto Extraída de xornalgalicia.com

Vou falar hoxe doutro Losada, Javier Losada, o Alcalde da Coruña, que esta fin de semana afirmaba nunha entrevista:

P. A Xunta di que non hai cartos para todo.

R. Hai cartos, claro que os hai. Ten que habelos para resolver os problemas das persoas. O transporte metropolitano ten que ser unha prioridade para a Xunta. É vital ter tren de cercanías ata Ferrol, metro lixeiro, tranvía e autobuses. E tamén novas vías de comunicación. Estas cousas hai que plantexalas agora para resolverlas dentro de tres, catro ou cinco anos.

Para os que levamos anos defendendo a necesaria unidade de acción entre Ferrolterra e A Coruña, fronte á tradición histórica de ignorarnos mutuamente, escoitar estas palabras do Alcalde da Coruña supón unha grande esperanza en iniciar unha relación institucional que permita invertir esa tendencia. Por fin hai eco ó outro lado do Golfo Ártabro!

O tren de cercanías Ferrol - A Coruña é o primeiro paso para mellorar a comunicación entre estas dúas áreas, que deben incrementar os seus lazos económicos, sociais e institucioanis para transformar o que xa é a máis importante concretranción de poboación de Galicia na primeira área económica do país.

O futuro do Norte galego pasa necesariamente por isto. Javier, dende Fene e dende Ferrol estamos dispostos a ir poñendo contigo as primeiras pedras.

« Páxina anteriorPáxina seguinte »