Anotacións arquivadas do tema: 'gl'
Paréntese ou morro superlativo?

Escoitamos estes días aos empresarios españois perdir ao goberno unha "paréntese" no libre mercado por mor da crise económica; paréntese da que nunca escoitáramos falar ata agora e que debe vir recollida nunha disposición adicional do manual de economía liberal, para aplicar só en situacións nas que cheguen menos cartos ás contas das grandes empresas. Non son os únicos, Bush, ultraliberal e presidente do país que elevou o liberalismo económico ao rango de dogma, anda estes días a intervir dende o goberno na economía e a pedirlle ao Congreso permiso para gastar 700.000 millóns de dólares públicos en librar da quebra a determinadas firmas.
Non sei en que andará enredando a milagreira man invisible de Adam Smith, da que ata o presente sempre nos intentaran convencer que tiña a facultade de ordear e equilibrar o mercado sen que os gobernos metesen o nariz na economía; é máis, canto máis se afastasen estes e menos regulasen o mercado, mellor. Que pasou? Que antes as ganancias eran inxentes e que hoxe os beneficios empresariais son menores ou, directamente non son.
Sempre defendín a necesidade social dun modelo económico cun estado forte que interveña na economía, en épocas de crise como a actual, a fin de evitar que as consecuencias negativas para os cidadáns sexan maiores, pero tamén en épocas de prosperidade económica, para repartir os beneficios e redistribuír a riqueza entre tódolos traballadores/as. Esta última é a parte que sempre se lles esquece aos liberais. Esixir liberdade absoluta para gañar o máximo posible cando as cousas marchan ben e logo esixir intervencionismo para perder o mínimo posible cando marchan mal é ter moito morro.
Un exemplo máis de incultura militante

Este rapaz da imaxe chámase Pablo Casado e é o Presidente das Novas Xeracións do PP en Madrid, ademais de ser a penosa mostra de que os mozos/as da dereita madrileña pouco se diferencian do facherío extremo da autoproclamada "lideresa" capitalina. Lin hoxe na prensa que Casado aproveitou onte o seu minuto de gloria ante o Congreso Rexional do PP para criticar que "el socialismo sea tan carca y retrógrado como para seguir idolatrando a asesinos como el Che Guevara" ou dicir "nosotros idolatramos a mártires como Miguel Ángel Blanco". Tamén afirmou que "la inmensa mayoría de jóvenes españoles son del Partido Popular y aún no lo saben"; si, vai ser iso… Escoitádeo vos mesmos!.
Só dende o atrevemento que proporciona unha incultura supina, ou dende as máis supinas ansias de agradar á reserva do antigo réxime, que é o PP de Madrid, se poden rebuznar tales barbaridades. Supoño que no seu manual de político dirá que é máis "chachiguay o sea te lo juro por Espe" idolatrar aos asasinos do Che, aos de Salvador Allende ou a Francisco Franco e á súa tropa de fascistas, que cun golpe de estado asasinaron a centos de milleiros de españois e secuestraron a nosa liberdade durante máis de corenta anos. Que pena, chaval!
Festa dos Socialistas de Galicia

Un ano máis a estas alturas, estou de volta da Festa dos Socialistas de Galicia, festa que celebran conxuntamente o PSdeG-PSOE, a UGT e máis as XSG. Hoxe batemos un novo record de asistencia e superamos os 7.000 participantes, toda unha proba da ilusión e das ganas por transformar este país das que vos falaba no post anterior, que contaminan agradablemente o ambiente de Galicia.
Antes de compartir comida, pagada por cada un dos asistentes, non como acontecía cos milleiros de empanadas e manxares varios que en tempos pasados asulagaban múltiples pitanzas "populares", especialmente as do Monte do Gozo, puidemos gozar, no sentido pleno da palabra, da intervención de Emilio Pérez Touriño e da do compañeiro Pepe Blanco, que hoxe estaba que rachaba con todo; é un brilante traballador e "mitineiro" excelente, pero hoxe, con cada unha das súas palabras, fíxonos saltar da bancada en varias ocasións; grandioso!
Por certo, só de Ferrolterra fomos máis de 400 persoas, unha boa morela delas veciños e veciñas de Fene; tamén un record de asistencia para nós.
Gústame esta muller

Coñezo a Mar Barcón dende hai anos, de mil e unha historias do partido, pero nunca ata agora tivera a ocasión de compartir traballo con ela; o 11 Congreso Nacional do PSdeG-PSOE decidiu que así fose. Dende entón non paro, de verdade, de alucinar coa ilusión e a capacidade que lle pon ao seu traballo e, algo que é moi importante, co contaxio que xera en todos os que a rodean para implicarse a tope, coas máximas ganas, no enorme, tanto en tamaño como en calidade, proxecto do PSdeG-PSOE.
Hoxe tiña que dicir isto, porque, ademais doutros mil detalles positivos, a xuntanza que tivo esta semana coa direción nacional das Xuventudes Socialistas foi simplemente xenial. O respecto, o apoio constante, o traballo conxunto… estou seguro de que serán as claves nas que traballarán tanto o Partido como as Xuventudes para facer do socialismo a forza de Galicia, como dicía o lema do congreso.
Levamos aínda pouco tempo traballando, pero estou seguro de que esta nova Executiva Nacional con Emilio Pérez Touriño, Ricardo Varela, Mar Barcón, Antón Louro, Pachi Vázquez, José Manuel Lage, Loli Rodríguez, Modesto Pose, Yoya Neira… e tantos outros será quen de facer realidade o mellor traballo e o mellor proxecto colectivo que puxéramos nunca en marcha os socialistas de Galicia. Simplemente, se palpa de xeito descarado no ambiente; verédelo!
Revancha pirata

Quedou o blog varado por vacacións cando vos contaba o triunfo dos vikingos de Río Castro (Fene) sobre os piratas de Redes (Ares) e o secuestro do seu alcalde. Antes de volver á rutina deste tolo mes de setembro, déixovos unha imaxe da invasión de Río Castro por parte dos "amigos" de Redes e da revancha que se tomaron secuestrando agora a este que vos escribe.
A verdade é que o pasamos ben, ata que chegaron os piratas ao Emigrante tivemos tempo de mollalos, enfariñalos, pelaxar… logo pagamos parte da ousadía, pero ao final, coma sempre, celebrámolo xuntos, desta no peirao de Redes. Agora, paz de novo ata o ano que ven.
Por certo, os piratas da imaxe, agás o alcalde de Ares, non son senón mercenarios feneses que se enrolaron nas tropas aresanas. Haberá que telo en conta para a próxima ;-)
Os vikingos conquistan de novo Redes
Onte á tarde, os vikingos de Río Castro (Fene) asaltaron de novo a veciña vila de Redes (Ares) e nesta ocasión, como botín, trouxemos para Fene ao seu alcalde, que, como relata hoxe La Voz de Galicia, tentou nun primeiro momento rebanarnos o pescozo a algúns co seu sable, pero finalmente foi reducido, subímolo a bordo dunha planeadora e, tal cual os veciños/as da aldea gala de Axterix, de volta á casa rematamos a aventura cunha boa churrascada na praia de Almieiras en presenza do secuestrado.
Como tódalas boas festas, esta surxiu por casualidade, dunha broma duns poucos veciños/as de Río Castro, fundamentalmente de Seíto, o dono do bar O Emigrante. Onte, tres anos despois, só de Fene participaron xa 600 persoas e a cousa vai en aumento. Mollámonos, bañáronnos en escuma, compartimos unhas cervexas e, sobre todo, pasámolo moi moi ben; ese é o segredo deste evento.
Tamén, como toda boa festa, non se limita a un só día no ano, e o 23 deste mes haberá réplica. Ese día os piratas de Redes asaltarán Río Castro, nós defenderemos as nosas costas, pero eles rescatarán ao secuestrado alcalde de Ares e, como revancha, levarán a un novo refén de Fene. Todos e todas os que queirades vir o sábado 23 a defender o noso concello, como Lage, Loli, Xaime ou Mela, que onte estaban infiltrados na retagarda inimiga, estades invitados/as. Noraboa aos veciños/as que paristes esta gran idea e que seguides a reinventar con ilusión cada ano.
Noite con Amaral
A noite pasada foi especial. Pasei dúas horas perfectas escoitando a música de Amaral en directo na Praza do Obradoiro. Nunca fora a un concerto seu e, a verdade, é que teñen un directo espectacular; música e voz que poñen os pelos de punta. Pero, sobre todo, a noite foi perfecta porque combinamos a boa música coa presenza dalgunhas das persoas que máis quero, que tamén viñeron ao concerto: Marta, Nacho, Lidia, Loli, Lage, Azu, Blas, Alberto, María, Eva, Diego, Fer, María Jartín, Pablo… Será das noites que sempre queden na memoria!
A Forza de Galicia

A noite do sábado, dicíame Javi Castiñeiras que entre o Pazo de Congresos e o Hotel Puerta del Camino, onde estabamos reunidos os delegados/as, ía quedar un carreiro marcado no chan dos continuos ir e vir de xente falando, facendo quinielas, matando os nervios… O certo é que esta fin de semana culminamos en Santiago meses e meses de traballo preparando o 11 Congreso Nacional do PSdeG-PSOE, no que ademais de ter o privilexio de ser un dos redactores do documento político aprobado, tiven a honra de exercer como voceiro dos 27 delegados/as de Ferrolterra e, finalmente, de poder representar a esta comarca na nova Executiva Nacional.
Seguindo o exemplo de Mar, hoxe vou falar como Iván, o rapaz que con 18 anos decidiu, logo de moito meditalo, afiliarse ao PSdeG-PSOE en Fene e ao que logo Xaime e Lage atraeron cara ás XSG, a mellor decisión da miña vida. Ademais de estar moi contento por poder contribuír desde Fene co meu humilde grao de area ao novo proxecto que iniciamos os socialistas de Galicia, da man de Emilio Pérez Touriño, Ricardo Varela, Mar Barcón e todos/as vos, estou moi feliz por compartir responsabiildades na executiva con algúns dos meus mellores amigos e compañeiros de partido, como Loli ou Lage (a foto evidencia as horas en vela que pasamos a noite do sábado; canto falamos!) aos que nunca poderei agradecer todo o apoio, formación, axuda, cariño… con Bea e Vicente, xuntos lograremos que Ferrolterra estea sempre presente; con xente tan capaz como Emilio, Ricardo ou Mar, dos que espero aprender cada día unha cousa nova; con Antón e Modesto, sempre botando a man dende o outro lado da fronteira, con Yoya, Pachi, Xocas… e, de novo, traballando ao lado de Blas, xunto con Eva e Diego, aos que, por fin, xa non terei que botar tanto de menos cada día; é imposible ser mellores persoas.
A todos e todas cos que tiven a sorte de compartir traballo, alegrías, penas e aventuras políticas, dende que aquel mes de marzo do 98 decidín chamar á porta da Casa do Pobo de Fene, só vos podo dicir, aínda que soe tópico, unha cousa: grazas!
A Forza do Cambio

Cando cheguei onte a Madrid, para representar a Ferrolterra, xunto con Vicente Irisarri e Montse García, no 37 Congreso Federal do PSOE, das primeiras cousas que dixen foi que non me gustaba o lema escollido para a ocasión, a Forza do Cambio. 24 horas despois teño que recoñecer que estaba equivocado, o PSOE goberna, pero sigue a ser a forza do cambio, o partido que está á vangarda das políticas máis progresistas e avanzadas en España e en Europa. É a conclusión do intenso labor de debate que levamos a cabo durante o día de hoxe nas comisións de traballo.
Falamos sen complexos de apoiar unha lei de prazos para despenalizar o aborto en tódolos casos, do dereito a unha morte digna, de seguir incrementando o salario mínimo, as pensións e as prestacións por desemprego, de loitar contra o cambio climático ou, como dixo Zapatero na súa intervención de onte, de falar dunha vez por todas, sen complexos, dunha estrutura territorial federal. Durante moito tempo, certa corrente de pensamento defendeu o xiro ao centro, a práctica dunha política morna, como método para medrar electoralmente, pero estes días, os militantes, deixamos claro que esa non é a vía que queremos, somos de esquerdas e queremos gañar as eleccións, como xa estamos a facer desde 2004, defendendo e practicando políticas de esquerdas, puras e duras, porque, a diferencia do que sostén Rajoy en público, nos si que cremos nas ideolóxías e nas diferencias notorias entre a esquerda e a dereita.
A última boa nova do día foi a elección, que votaremos mañá, do compañeiro Pepe Blanco como Vicesecretario Xeral do PSOE, cargo que non existía dende que Alfonso Guerra deixara tal responsabilidade. É un posto que, sen dúbida, merece a persoa que máis traballou por este partido nos últimos anos, o artífice de que hoxe Zapatero sexa Secretario Xeral e, incluso, o artífice de que sexa Presidente do Goberno, ao transformar o PSOE nun partido moderno, novo, activo e actual. Con el, o socialismo galego chega a unhas cotas de responsabilidade dificilmente imaxinables hai poucos anos, cotas que se verán reforzadas pola inclusión na nova dirección de Carmela Silva (Vigo) e Xosé Sánchez Bugallo, Alcalde de Santiago.
Dios, La Virgen y el Presidente Uribe!

“Primero doy gracias a Dios, luego a la Virgen, al ejército… y al Presidente Uribe!”. Teño algo de sono, onte quedei até tarde vendo en directo pola televisión a chegada a Bogotá de Ingrid Betancourt e das demais persoas rescatadas das poutas, cada vez menos guerrilleiras, no sentido clásico e político, das FARC. Escoitei con atención a intervención de todos eles e, á marxe da excelente nova que supón dende o punto de vista humanitario, o acto destilaba un noxento cheiro a democracia tutelada e a autobombo gobernamental case intolerábel ética e democraticamente.
“Primero doy gracias a Dios, luego a la Virgen, al ejército… y al Presidente Uribe”. Con estas palabras comezou Betancourt a súa intervención, pouco antes de axeonllarse cun rosario na man ante o clérigo de turno que lles daba a bendición….
