ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do tema: 'Persoal'

Centenario e estrea de A Nosa Terra

Hoxe, celebrando o seu centenario, estreouse o novo A Nosa Terra, un xornal que conserva a esencia dunha cabeceira con tanta historia, pero que decide modernizarse, adaptarse ós novos tempos e pluralizarse.

A edición dixital da Nosa Terra convértese en diario, fronte ó tradicional semanario en papel. Con este primeiro "número" tamén debuto eu como colaborardor; todo un pracer e unha honra. Neste primeiro artigo, aproveitando a proximidade do Día da Constitución, doulle unhas voltas á necesidade de ir dando pasos cara á transformación de España nun estado federal; déixovos o primeiro parágrafo:

Acostumados como estábamos na Aznaridade, en palabras do xenial Vázquez Montalbán, a sacralizar o texto constitucional de 1978 e a que a cepa política dominante o declarase intocable e perseguise como herexe a quen ousase cuestionar algo dos seus sacrosantos artigos, sorprende que Rajoy propoña a estas alturas unhas vinte reformas da Carta Magna. Sorprende, e a min ademais me asusta, porque todas elas están destinadas a blindar aínda máis o texto e a tirotear o titulo VIII, o que estrutura territorialmente o Estado, o que recoñece os dereitos de países como o galego e o mesmo que a Alianza Popular de Don Manuel xa foi incapaz de votar antes de que nacese o que escribe.

Máis en A Nosa Terra: As Rémoras do Estado Federal. Grazas, Blas e Xurxo ;-)

Outono en Ferrolterra

Pasei este día coa familia nas Pontes, na casa duns amigos do Aparral. Antes de marchar, saín con Hugo e Jennifer, unha rapaza americana moi agradable, moza de Hugo, que aprende castelán e galego a toda mecha, a dar unha volta polo lugar. Pronto chegará o inverno e o monte quedará totalmente espido, pero aínda podemos atopar recunchos tan clasica e fermosamente outonais coma esta corredoira que pasa pola beira da casa; escenas de película, como dicía Jennifer cando o vento deixaba caer as follas secas dos carballos sobre ela. 

N-VI: aqueles marabillosos anos

Para min, a N-VI nos 80 era a estrada que me levaba de vacacións, por ela marchaba coa miña familia a Ponferrada, a Madrid e, como non, a Benidorm. De Ferrolterra saía, para aqueles tempos, axiña, ata Lugo alongábase en grandes rectas e, antes de deixar Galicia, serpenteaba para salvar a fronteira, que nos parecía case insalvable, de Pedrafita. Logo, xa en León, entretíame contando o número de pontes que atravesaban unha e outra vez o Río Valcarce, trece, nove, dez…. nunca me daban as contas igual. Finalmente, as infinitas e aburridas rectas de Castela, nos levaban ata o noso destino.

Este domingo, logramos que Nacho se decidise a cruzar a Ponte do Eume e pasamos o día no Bierzo. Á volta, quixemos revivir aqueles marabillosos anos e, en lugar de coller a A6, decidimos viaxar de Villafranca a Lugo pola antiga nacional. No CD do coche soaba Mecano, Miguel Bosé, Alaska… mentres a vella estrada, cuberta de follas de outono, nos ía pasando, como nunha sesión de diapositivas, imaxes únicas, vellos e típicos pobos de estrada, carballeiras, montañas pintadas cos ocres desta época, regatos, pontes e túneles inmensos no pasado, hoxe ridículos ó lado dos da autovía, xente… e en xeral o encanto dunha gran estrada pola que hoxe case non pasa ninguén. Conseguimos trasladarnos, por un bo momento, ós míticos anos 80.

Tardamos ata Lugo case unha hora e media, o mesmo que nos levaría ata Fene pola A6, pero a viaxe mereceu moito moito a pena. Recoméndovos que se algún día tedes a oportunidade, fagades algo similar. Actualizará moitos dos vosos recordos da nenez ou, en todo caso, vos permitirá adentrarvos nun mundo de estrada que xa non existe, pero do que aínda se conserva íntegro o seu espírito.

La Isla del Quesito

Xaime ten un compañeiro de traballo de Fene que hai unhas semanas lle contou que no noso pobo hai un lugar chamado "La Isla del Quesito". Dende aquel día está intrigado por decubrir, a través deste post, como é esa illa surrealista que coñecemos todos os de Fene.

A historia é ben sinxela. O río de Magalofes servía para regar os numerosos herbales que había no fondo de Perlío. Preto do Campo de Fútbol dos Pinares o cauce se bifurcaba e xusto nese lugar, nun momento indeterminado da nosa historia, alguén puxo un triángulo de formigón para desviar mellor a auga, pola esquerda o río fluía cara ó mar e pola dereita a auga corría por unha canle de rego que daba servizo ás fincas da zona. Finalmente, a erosión fixo que tamén houbese sempre un pequeno fío de auga que pasaba pola base do triángulo.

La Isla del Quesito é pequena, uns tres metros cadrados, pero era un lugar máxico, enclavado nunha fermosa zona de fraga, no que case tódolos nenos e nenas de Perlío temos pasado tardes enteiras. Encima do Quesito falamos, rimos, brincamos e caímos algunha vez ó río. Era tamén o lugar máis lonxe ata o que íamos en bici dende a nosa casa ou, sendo xa adolescentes, a pasear cos amigos falando das últimas historias do cole. Supoño que, a falta dunha costa máis agreste, o Quesito achegábanos ó soño que case todos tivemos de nenos de vivir nunha illa, eses lugares fantásticos coroados por dúas palmeiras que só existían nos libros de texto.

Hoxe non hai illa. Os herbales non se regan, moitos deles están sendo edificados, e  xa non é preciso desviar o río. Como vedes na imaxe, a canle da dereita desapareceu, pero o Quesito segue aí, como unha ruína que aínda nos lembra o esplendor de tempos pasados. É un deses espazos de fantasía que cando pechamos os ollos compón o álbum da nosa infancia.

Saúdos do “Follonero”

Este domingo, durante a Festa do Campo de Unións Agrarias, Bernardo, amigo e compañeiro do PSdeG de Pontedeume, e máis eu atopamos ó Follonero de Buenafuente, que andaba traballando por Silleda, seguindo a Zapatero. Falamos un chisco con el, comentamos algo deste blog e Adri sacounos a foto que vos deixo.

O Follonero, ademais de picarme dicíndome que non tiña idade para ser alcalde, díxome que vos saúdara. Así que, saúdados quedades da súa parte ;-)

Actualizado ás 23:30 do 13/10/2007:

Hoxe en La Mirilla de La Voz de Galicia publicaron a foto de Bernardo e miña co Follonero. Grazas, Adri!

Unha tertuluia que promete

Chega setembro e a vida volve á normalidade invernal; sempre odiei este mes. A radio, unha das miñas paixóns profesionais, faime máis levadeiro este tempo no que xa me empeza a faltar a luz. Hoxe empecei unha nova tempada como tertuliano de Matinal Líder, o espazo que tódalas mañás conduce Javier Sánchez de Dios en Radio Líder-Punto Radio.

Os compañeiros e compañeiras de tertulia deste ano a verdade é que me inspiran dabondo, prometen mañáns ácidas e tensas, pero sobre todo animadas: a senadora Belén do Campo (PP), os profesores Carlos Pajares (PSdeG-PSOE) e Xesús Veiga Buxán (BNG) e os parlamentarios Susana López Abella (PP) e Bieito Lobeira (BNG) Dinamita pura para empezar animado a última mañá da semana laboral.

Se vos apetece escoitarnos, podedes sintonizarnos tódolos venres a partir das 9:00 e ata as 10:00 h. no 105.9 da FM en Ferrolterra e na Coruña, no 101.8 en Compostela e no 90.7 en Vigo. A ver que vos parece.

 

Noite Polar

Non é que me quedara trasposto logo de ver Los Amantes del Círculo Polar, que me flipou como case todo o que sae da cabeza de Médem, pero a verdade é que esta rexión do Planeta sempre me pareceu un lugar perfecto ó que escapar, un paraíso de éxtase no que, pese a estar no mundo, un pode olvidarse del.

Na orixinal sección de La Voz de Galicia titulada "Las Postales de las Vacaciones", atopei esta impresionante imaxe enviada por Letizia Seijido, son as 3 da madrugada dunha noite de xullo en Finlandia. Se algún día me perdo, ós que vos interese, buscádeme aí ;-)

Ecos do pasado

Tremendamente defraudado, así saín onte á noite da Praza do Obradoiro. Fora ilusionado, supoño que por cuestión xeracional, máis por Sabina que por Serrat, pero en todo caso coa esperanza de desfrutar dun bo concerto escoitando a dous dos poetas máis comprometidos e xeniais do noso país, pero marchei coa sensación de que esa imaxe non é máis que un eco do pasado.

Puiden escoitar seis cancións antes de que Sabina e Serrat nos deixaran tirados e marcharan de novo ós seus cómodos aposentos do Hostal dos Reis Católicos. O problema non foi que a xente marchara, ó contrario, seguíamos a bailar baixo a choiva, que tampouco era para tanto, o problema foi que, pese ó orballo de todo o día e ás predicións que pronosticaban este tempo dende había unha semana, o escenario estaba descuberto e os instrumentos e as voces se mollaban. Hai que ser moi inxenuo para non pensar mal!

Se a isto lle sumamos que, durante os algo máis de 30 minutos que cantaron, un e outro non pararon de facer supostas gracias co acento dos galegos, repetindo ata a fartura os tópicos asociados ó noso pobo, comprenderedes que prefira seguir escoitando a Sabina en CD e a Serrat nalgunha gala veraniega que pille facendo zaping unha noite aburrida de televisión. Xa poden repetir o concerto, que eu non me tomarei a molestia de volver a Santiago para velos.

Nacho e Lidia

Nacho e Lidia en Caldas

Cando fixen esta foto, na Festa dos Socialistas Galegos de 2005, acababa de coñecer a Nacho e a Lidia, pode incluso que ese fora o primeiro día no que vin a Lidia; eles seguro que xa pensaran máis de mil veces en casar, pero daquela aínda nin vivían xuntos.

En setembro esta imaxe cumprirá dous anos, só dous anos, pero hoxe non quero imaxinar a miña vida sen velos cada fin de semana, sen escapar cada ratiño libre a xunto de Nacho para compartir risas, penas, venturas e desventuras políticas, cañas, paseos… penso, incluso, en que pasei 25 anos sen saber que existía, 25 anos nos que estivemos moitas noites de sábado separados só por unhas cantas baldosas brancas do antigo Odeón de Pontedeume, sen decatarnos un do outro; ou quizais si, eu pensando quen sería aquel “chulito” de Pontedeume e el quen sería aquel “gili” de Fene que viña ó seu pobo.

Con Nacho chegou á miña vida Lidia, que xa daquela me pareceu unha rapaza impresionante e da que hoxe teño a sorte de poder dicir ademais que é a miña amiga. Nacho e Lidia casaron esta fin de semana, unha fin de semana que nos deixaron a min e a Marta compartir con eles dende que nos vestimos para ir para a Igrexa o sábado pola mañá ata a noite de hoxe (domingo). Tiven algún complexo de lapa, pero fun tremendamente feliz vivindo con eles unhas horas tan especiais; a súa invitación, o seu xesto, como diría Bunbury, caloume fondo.

Cando lin na misa a Primeira Carta do Apóstolo San Pablo ós Corintios, pronunciei a última frase, “aguanta sin límites”, mirando fixamente ós ollos de Lidia; era unha coña da que xa faláramos. Sei que non van ter que aguantar nada, simplemente porque a súa relación funciona. Por iso quero darlles a noraboa publicamente e desexarlles a maior felicidade posible; polo menos tanta como a que eles me dan a min cada día.

Gracias ;-)

Estou xordo dun pé!

Dixo o cantante do grupo que tocou na cea-mitin que organizamos os socialistas de Fene na última campaña electoral: “espero que Iván sexa moito mellor como Alcalde que como bailarín.” E é que quen me coñece sabe que o baile non é precisamente unha das miñas mellores virtudes. Eu sempre insisto, non sei bailar! Frase trala que sempre se escoita: non te preocupes, eu lévote! O problema é que tampouco sei deixarme levar, pero teño que facer o ridículo para demostralo!

Traio ó blog todo isto porque esta fin de semana un traballador do Concello, tan bo bailarín coma min, díxome, mentres poñíamos en común as nosas carencias no transcurso dunha desas situacións nas que se supón que debemos mover ritmicamente os nosos corpos ó son da música, que, como cantan Fito & Fitipaldis en “Me equivocaría otra vez“, estou xordo dun pé:

Quieres bailar conmigo
puede que te pise los pies.
[…]
Yo bailaría contigo
pero es que estoy sordo de un pie.

Pareceume moi orixinal e moi ben traída a metáfora. Espero poder curar algún día esta xordeira, ou polo menos aprender lingua de signos para ir tirando e non quedar en ridículo cada vez que alguén me saque a bailar.

« Páxina anteriorPáxina seguinte »