ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do tema: 'Política'

De novo na Jaime Vera

A verdade é que sempre me dá moi bo "rollo" volver á Escola Jaime Vera (agora Instituto Jaime Vera) Neste lugar maravilloso da serra de Madrid aprendimos moitas cousas de política formal, pero sobre todo, pasamos moitas horas de amistade, conversa, xuventude…

Hoxe vin falar como ponente a un curso de formación da Secretaría de Política Municipal e Cidades do PSOE. Estamos con concelleiros/as e responsables de agrupacións municipais de diferentes puntos de España. A ver se todos aprendemos algo…

Unha curiosidade: comparto curso con Ruth Carrasco, antiga compañeira das Xuventudes Socialistas e hoxe parlamentaria autonómica en Cantabria. Quen nolo ía dicir… Ela é a autora da foto.

O “rollito” trans do PP

A verdade é que non sei porque o PP non pode celebrar o día da muller traballadora dun xeito mínimamente normal; quizais porque non cren que sexa preciso adoptar medidas que favorezan a igualdade real entre homes e mulleres, ou peor aínda, quizais porque non cren na igualdade. Cuotas, leis, programas públicos, educación non sexista… para que? Eles sempre din que a igualdade chegará de modo natural, que caerá polo seu propio peso. O malo é que debe ter tan pouco peso que logo de levar séculos caendo nunca da chegado ao chan.

Este ano a verdade é que e imposible que o fixeran peor. Empezamos a semana destapando a intención da Xunta de suprimir o Servizo Galego de Igualdade, continuamos coa sesuda refelexión de Rajoy sobre a importancia das mulleres na sociedade e rematamos a xornada con este acto surrealista no que o Presidente da Xunta, rodeado de representantes de asociacións de amas de casa que se dedicaban a comentar o guapo que é, presenciaba como se travestía o seu Conselleiro de Economía facendo uso dos estereotipos máis tópicos; cousa que por certo xa fixeron o ano pasado recén chegados ao goberno co Día da Nai. A pesar de tanto follón na rúa e de tanto recurso ao Constitucional, non sei, parece que lles vai este rollito "trans"…

A proba…

Cando vos contei aquilo de que en FITUR o Conselleiro de Cultura lle chamara Desván de los Monjes a Sobrado dos Monxes, moitos non o críades. Como non había probas gráficas, a Xunta difundiu o de que era unha lenda urbana e os parlamentarios, que non estiveran no acto, quizais lembrando a famosa historia irreal de Ricky Martin, o can e a marmelada en Sorpresa Sorpresa, que moita xente afirmaba ter visto, non se atrevían a preguntar no Parlamento. Incluso, como non había probas gráficas e xa pasara un mes, o propio Conselleiro negou no Parlamento ter dito tal cousa e chamoulle (chamounos) estúpidos aos que afirmábamos o contrario. Pero hoxe apareceu a proba, o vídeo que demostra que Roberto Varela é un digno sucesor, como dicía entón, do incrible, o único, o inigualable… Xesús Pérez Varela.

Paréceme grave o de cambiar os topónimos dun xeito tan surrealista e non decatarse, pero podería ter rectificado a tempo e o asunto pasaría. O imperdoable é non enmendar o erro, mentir no Parlamento e insultar a quen di a verdade. Alguén así non merece ser conselleiro.

Actualizado ás 23:34 do 09/03/2010:

Como era de esperar, o tema hoxe foi dos máis destacados na prensa escrita e moitos medios devólvennos a honra aos que falamos publicamente do asunto, aqueles aos que o Conselleiro nos chamou estúpidos e nos acusou de mentir: El País, Público, Vieiros, Galiciaé

Facebook, blog… política

Había tempo que Luís A. Núñez, xornalista de La Voz de Ferrol e tamén amigo das novas tecnoloxías, me comentara que un día quería publicar algo sobre o uso do Facebook, o Twitter, o blog… na política local e que podíamos falar da miña experiencia.

Onte pola tarde quedamos nas Palmeras (Ferrol) tomamos unha Cocacola e charlamos un rato sobre como todas estas ferramentas virtuais permiten democratizar a política local, que haxa un contacto máis directo entre cidadáns e concelleiros e como, ao igual que todos os demais ámbitos da vida, a poítica inevitablemente camiñará por estes lares.

O resultado é este: Un alcalde colgado de la red

Logo de Baltar, Baltar…

Pedíanos Aida Pena este venres na SER aos participantes na tertulia de La Ventana de Galicia que nos mollásemos sobre quen críamos que gañaría o congreso provincial do PP de Ourense. Martiño Noriega, Alcalde de Teo e máis eu tiñamos claro que gañaría Baltar junior. Acertamos.

A quiniela non era difícil, pois a loita era desigual. Era evidente que os métodos de Baltar (con eso esta todo dito) darían de novo os seus froitos. Métodos, por certo, que foron os mesmos que lle valeron a Fraga, a Feijoo, a Rajoy ou a Rueda cando precisaron gañar eleccións ou procesos internos, pese a que agora finxan hipócritamente descualificalos ou afastarse deles para defender ao outro candidato.

As prácticas do Baltarismo (enchufe de familias enteiras, venda de favores…) parécenme deplorables, pero dubido seriamente se é peor para Galicia o caciquismo baltariano do país ou o facherío madrileño feijoiano. Creo que me parece menos malo o primeiro, aínda que o desexable fose unha corrente "normal" dentro do PPdeG, corrente que de momento semella imposible.

‘Desván de los Monjes’

Estabamos tristemente acostumados a escachar de risa cada vez que aquel conselleiro de (suposta) Cultura do fraguismo, Xesús Pérez Varela, facía das súas e se refería a “Carmiña Burana” como unha fantástica cantante galega ou cando afirmaba que na programación do Xacobeo se incluían fantásticas actuacións como a de Ainhoa e máis a de Arteta, xunto con Berrugueto, Masive Atrak ou Cheminal Broters. Parecía imposíbel superalo, pero para sorpresas, contacten vostedes co goberno de Feixóo.

Se non fose pola cantidade de testemuñas presentes, diría que foi froito do meu malévolo maxín, pero resúltame difícil explicar a cara que puxen cando lle escoitei a semana pasada en FITUR ao actual conselleiro de Cultura, Roberto Varela, afirmar ante centos de persoas, profesionais do turismo a meirande parte, que o Camiño de Santiago pasa por localidades tan fermosas como “Toro”, enténdase Touro, ou “Desván de los Monjes”, que logo duns minutos de conmoción neuronal cheguei a asimilar que se trataba de Sobrado dos Monxes.  

Mais aló do imperdoábel erro… Seguir lendo en A Nosa Terra

Leccións de marketing en “Padre de Familia”

Desgraciadamente seguro que moitas veces tivemos esta mesma sensación cando pensamos na política estadounidense e ao mellor tamén cando pensamos na política que non nos queda tan lonxe…

Un estaleiro competitivo

Onte a edición de Ferrol de La Voz de Galicia invitounos a tres persoas a reflexionar nas súas páxinas sobre o futuro do estaleiro: Ramón Yáñez, profesor de Economía da Empresa na Politécnica Superior de Ferrol, Primitivo González e Antonio Salamanca, enxeñeiros navais e eu mesmo como Alcalde de Fene:

Onde eran ostras, xacen estaleiros, agonizantes», di a fenesa e amiga Matilde Castro nun dos seus marabillosos haikus. Astano esmorece dende hai máis de 30 anos, dende que nos anos 70 o INI franquista a incorpora ao sector público por ser xa insostible como empresa privada. Ter claro que debe ser Astano no século XXI e, sobre todo, saber como facelo, é clave para o despegue económico de Ferrolterra.

¿Público ou privado? Evidentemente público. A dereita, pero tamén recentemente o nacionalismo, defenderon dun ou doutro xeito a privatización do estaleiro. A demanda do naval é claramente cíclica e moi flutuante e diso sabemos moito en Fene. A permanencia no sector público será o que nos asegure poder acceder a grandes pedidos para outros países e, sobre todo, manter os postos de traballo e o estaleiro aberto en épocas nas que a demanda sexa menor. […]

Seguir lendo en La Voz de Galicia.

Pese á diferente ideoloxía, experiencia, ámbito profesional… creo que hai moitos aspectos substanciais nos que coincidimos. Pensar sobre o que queremos e podemos facer co estaleiro, facelo dende a colaboración e á marxe de posicionamentos electoralistas de cada quen é algo moi necesario se queremos ter un futuro mellor que o presente.

As dúbidas do presidente

“Nin está nin se lle espera”. Esta atinada frase, saída do fío telefónico da Zarzuela a noite do 23-F, explica por si soa o desenlace daquela tolemia e, por desgraza, está a piques de se converter tamén na mellor explicación ao papel do Presidente da Xunta na posíbel fusión, ou non, das caixas galegas. Feixóo non está, pero si que se lle espera: por agora…

Algúns opinadores públicos diagnosticaron xa as dúbidas do presidente como un episodio, non sabemos se temporal ou crónico, de “raxoización de Feixóo”. Raxoi por unha vez si ten claro o que quere facer, que Caja Madrid engula a Caixa Galicia e as caixas valencianas. O resultado sería unha gran caixa, para a que xa se apunta o nome de Caixa Popular (por aquilo do PP, non polo ben dos contribuíntes, claro) que leve o peso financeiro dos tres grandes feudos electorais da dereita, Madrid, Valencia e Galicia.

Camps, entre unha visita ao xastre e outra, xa dixo que… (seguir lendo en A Nosa Terra)

Primeiro Comité Nacional

Onte celebramos en Santiago o primeiro Comité Nacional, máximo órgano do PSdeG-PSOE entre congresos, da nova etapa que abriu o Partido logo das eleccións autonómicas. Foi unha xuntanza importante, aprobamos a nova estructura provincial do PSdeG e abordamos algunha das cuestións de máis actualidade, como a gratuidade dos libros de texto.

Os delegados/as acordamos emprender unha ofensiva sen tregua para defender os dereitos que os cidadáns/as de Galicia conquerimos co anterior Goberno de Galicia, como a gratuidade dos libros no ensino obrigatorio, que puxo a Galicia á vangarda da educación pública en España. Defenderemos eses dereitos e combateremos as pretensións do PP de suprimilos, tanto no ensino, como na sanidade pública ou nos dereitos sociais.

Como dicía antes, dende onte xa temos tamén datas concretas para celebrar os congresos nos que as agrupacións municipais elixirán por primeira vez á súa executiva provincial. O da Coruña será o 7 de novembro. De aquí a aló queda un longo camiño, moi ilusionante, para ir construíndo un proxecto renovado, actual, participativo, que conecte coa cidadanía de toda a provincia e que faga do PSdeG o partido máis importante da Coruña. Imos aló!

Páxina seguinte »