Anotacións arquivadas do tema: 'Publicidade'
Un día moi feliz no meu mundo
Onte foi un día especial, moi feliz. Onte recibín, xunto con Mabel Rivera e Manolo Rivas, a Beca de Honra da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, distinción que recoñece o traballo de determinadas persoas no ámbito da Publicidade e as Relacións Públicas, a Comunicación Audiovisual ou a Xestión e a Administración Pública, as tres titulacións que se cursan nesta facultade.
É sempre unha ledicia que compañeiros/as de profesión ou de titulación se fixen positivamente no teu traballo, pero este recoñecemento aínda me soubo mellor, creo, por ter sido alumno da facultade. Alí estaban profesores, compañeiros de clase, traballadores… cos que pasei un día maravilloso falando de pasado e de futuro.
Decateime de que, a pesar de ter marchado de Pontevedra hai 7 anos, aínda teño e creo que sempre terei un fío invisible que me une á Facultade de Ciencias Socias e á súa xente, un fío que fai que alí sempre me sinta como na miña casa, no meu mundo.
Grazas ao decanato e a tódolos profesores de Ciencias Sociais e da Comunicación por facerme o mellor regalo que se me podería ter feito! E noraboa tamén ás dúas veciñas de Fene que se licenciaron no mesmo acto; unha fermosa coincidencia…
Así defende a igualdade o goberno de Feijóo
"Amósalle todo o teu agradecemento e admiración pola súa labor diaria. Achégate ó pequeno comercio tradicional da túa cidade ou vila e mércalle un regalo moi especial para ese día… ¡Non te esquezas!" Por se nos quedaba algunha dúbida, suxírennos diferentes agasallos que lle podemos mercar á nosa nai: unha tixola, un ferro, un cepillo de lavar, unha tina, un kit de produtos de limpeza, unha cafeteira…
Parece que nin a Federación Galega de Comercio nin a nova Xunta de Galicia estiveron moi atinadas á hora de facer esta campaña aberrantemente sexista. O home travestido supoño que tenta introducir unha pincelada de humor difícil de captar, pero o resto do anuncio é infumable, dende os obxectos que encasillan á muller no seu rol clásico de ama de casa, ata o texto que nos invita a agradecerlle con este regalo o esforzo diario no desempeño da "súa" labor.
Volvo ao que dicía máis abaixo, sabemos que a sociedade actual aínda é machista, pero é intolerable que as institucións e organismos públicos difundan e incluso promovan esta desigualdade. A proba, ademais do evidente, é que nunca se lles ocorrería facer este anuncio para o día do pai. Aínda alguén pode dudar da necesidade da Lei de Igualdade? Só os que sintan ameazados os seus privilexios. Feliz día a tódalas nais, pero sen sexismo, por favor!
Novas colonizacións publicitarias

A pesar do presente que está a publicidade nas nosas vidas, aínda descubro ás veces espazos e anuncios tan ben seleccionados que me sorprenden positivamente. En comunicación sabedes que a clave está en seleccionar ao teu público obxectivo, en saber a quen lle queres dicir algo e, sobre todo, en saber como atopar a esas persoas.
Neste caso, Movistar acertou de pleno. Cantas veces nos temos lembrado ao chegar a outro país de como demo se activará o roaming para chamar desde o estranxeiro? Os cabezais deste avión de Spanair informan sobre este servizo, xusto cando o precisamos, cando estamos de viaxe. Ofrécenos o número ao que hai que chamar, o prezo da tarifa… é dicir algo que nos interesa xusto no momento no que nos interesa, por iso todos lemos esta publicidade e todos a recibimos ben, a diferencia do que pasa, por exemplo, cos intermedios publicitarios na tele, que molestan. En fin, un bo exemplo de como chegar á xente e de como optimizar os cartos investidos nesta campaña.
25 de novembro

Hoxe, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, rescato unha das primeiras campañas que se editaron neste país, aló polos inicios dos 90, para denunciar a violencia machista. Unha campaña creativa e impactante como poucas que a min, persoalmente, me reportou algunha mala nota cando a usei como base para un traballo que fixen nos meus anos de estudante na Facultade de Publicidade e Relacións Públicas; á profesora, pertencente a unha coñecida secta ultracatólica, pareceulle "soez y de mal gusto".
A min ségueme parecendo xenial e, ademais, serve fantasticamente para sensibilizar e denunciar unha realidade que desgraciadamente segue máis de actualidade que nunca. Se traballamos tódolos días pola igualdade, erradicaremos a violencia machista.
Sé un home!

Noraboa a Carmen Basadre, Concelleira de Muller e Servizos Sociais, e ó Concello de Lugo pola edición desta campaña contra o machismo. O eslogan, "Non sexas un macho… sé un home", ademais de orixinal e directo, paréceme que resume e ilustra perfectamente a diferencia entre a actitude dun home machista e a dun que non o é. Faime pensar tamén canto ten mudado dende hai uns anos aquilo de "ser un home de verdade", que hoxe afortunadamente case significa o contrario do que hai un par de décadas.
A verdade é que se agradece a frescura e a creatividade neste tipo de publicidade institucional, xeralmente tan anodina, tan gris e tan baleira de contido, tanto que ás veces parece que se fai por puro compromiso e por necesidade de xustificar un gasto determinado, sen que preocupe demasiado a súa eficacia. Non é o caso do Concello de Lugo, que segue con esta a liña de campañas anteriores como "El polvo es cosa de dos" (para compartir as tarefas do fogar) ou "Igualdina", as pastillas que curan a violencia machista.
Rumoroloxía

Lembro bastante estes días as clases de Teoría da Información que o doutor Fernández Areal nos impartía en primeiro de carreira. A súa teima era que distinguísemos perfectamente entre a información (veraz e obxectiva) e os demais tipos de comunicación; para elo non paraba de repetir: “los hechos son sagrados y las opiniones libres. Scott, 1921.”
É incrible a rapidez e efectividade coa que o rumor, “un subtipo de comunicación”, diríanos Areal, se abre paso á calor dun proceso electoral. Chega a ser divertido. Dende o día das eleccións ata hoxe xa escoitei de todo, dende que non vou ser Alcalde porque aínda non rematei a carreira e entón vou marchar dous anos para Santiago a rematala, deixando na Alcaldía ó candidato do BNG, ata que está a piques de saírme unha causa xudicial pendente que me obligará a pasar tres anos no cárcere, quedando como Alcalde o candidato do PP.
Cando ven alguén e me conta estas cousas que oe nun bar, na farmacia, no super… alucino; sempre penso en quen e como será a primeira persoa que o di e en como se iría deformando o chisme ó pasar dun a outro. Parece que o rumor si que é unha potente arma de propaganda electoral.
Actualizado ás 12:33 do 08/06/2007:
O culebrón vaise complicando. Máis dunha semana despois da xornada electoral aínda seguen aparecendo novas teorías que tentan explicar, á marxe de criterios puramente racionais e políticos, o resultado das urnas. A última é moi boa: o PSOE legalizou en España os matrimonios homosexuais, colectivo ó que disque pertenzo -a próxima vez, por favor, que me fagan bisexual; seguro que á miña moza lle parece mellor- e por este motivo tódolos gays de Fene nos votaron en masa, provocando a victoria “inesperada” do PSOE.
Tendo en conta que tivemos 2.878 votos, o único que podo pensar é ¡Menudo armario que hai neste pobo! Por certo, aproveito para saúdar, como protagonistas involuntarios desta teoría, a tódolos gays, lesbianas, bisexuais e transexuais de Fene; teremos que traballar moito nestes catro anos dende o concello para extender e facer plenamente efectivos os seus dereitos como cidadáns/ás.
Sebastián comunícase con Gallardón polo Youtube
Atopei hoxe na web de Miguel Sebastián, candidato do PSOE á Alcaldía de Madrid, un recurso propagandístico novidoso, tanto no soporte, o youtube (aínda que xa cada vez menos) como na forma, unha especie de guión de vídeo caseiro no que o candidato de xeito totalmente informal se dirixe directamente ó contrincante, neste caso Alberto Ruíz Gallardón.
Ven moi ó pelo dun comentario que deixou ZERO VACAS no post anterior sobre Manda-Ti, co que estou basicamente de acordo. Aínda así, supoño que por non empregado ata agora na política deste país, o estilo do vídeo de Sebastián non me acaba de enganchar, paréceme demasiado agresivo, algo que ás veces funciona se vai acompañado da dose oportuna de humor, pero creo que non é o caso. Creo que non farei o mesmo co Alcalde de Fene ;-)
“Virgen santa, Virgen pura, haz que apruebe esta asignatura…” (ou que gañe as eleccións)

Cando vin a foto de campaña do Alcalde de Fene, veume á mente algo que lle vía escribir nas libretas a algúns compañeiros de clase durante os meus anos de EGB: “Virgen Santa, Virgen Pura, haz que apruebe esta asignatura y con la ayuda de Santo Tomás, haz que apruebe todas las demás”. Era o último intento, a última esperanza, de poder superar o exame dunha materia que se presentaba realmente complicada.
Non descubro nada novo se vos digo que o BNG de Fene leva anos usando de xeito partidista e electoralista a situación de ASTANO. É elección tras elección case o único argumento que Rivera Arnoso esgrime contra o PSOE, pero o tempo pasa, os socialistas de Fene non comemos nenos nin temos rabo e os medos que se pretenden estender non callan entre os veciños.
Chegados a este punto a pregunta que me fago é ¿Está o BNG tan asustado polo resultado electoral que o cravo ardendo, a última esperanza, que atopan ós que aferrarse é fotografíar ó Alcalde coas instalacións de ASTANO de fondo? Fixádevos como a ponte grúa enmarca a cabeza do candidato; non é moi estético dende logo.
Primeiro anuncio oficial da precampaña

Seguindo as recomendacións de Blas de falar da campaña electoral dende o outro lado, déixovos en primicia, recén saído do novo Mac de Xaime, o primeiro anuncio que fixemos para a campaña electoral en Fene. É o cartel para as valas exteriores.
Confesareivos que, polo pesadiño que me puxen, para seleccionar a imaxe en cuestión o bo de xaime tivo que tirar case 200 fotos. Pasamos dúas tardes diante da cámara e tres diante do ordenador, entre biberón e biberón de Xaimiño, amañando a luz, corrixindo algún erro, compoñendo o anuncio… É moito o traballo que hai detrás dunha simple foto e un eslogan.
Na campaña todo será máis profesional e menos caseiro: fotografías de estudo, axencia de publicidade, actos programadísimos, asesoramento para todo… pero tamén menos divertido. Teríades que ver as risas que boto con Xaime cando intento corrixirlle os tonos das cores que el non aprecia; igualiño que cando hai anos quedábamos ata altas horas deseñando carteis para as Xuventudes Socialistas.
Márketing Católico

Atopei, nun dos kilométricos paseos que da un por Madrid para chegar a un sitio que está “ahí al lao; cerquita, cerquita”, este anuncio que chamou a miña atención. Colga do campanario da Igrexa ubicada entre a Avenida de Concha Espina e a Rúa Padre Damián, xusto detrás do Santiago Bernabeu, e anuncia a revista 21rs, publicación cristiá de periodicidade mensual.
Pareceume orixinal tanto o eslogan como o soporte nada convencional do anuncio, unha igrexa. Por certo, se visitades a súa web veredes que a maioría dos que respostan ás enquisas que teñen colgadas cren que á Igrexa lle sobra patrimonio, non condean a eutanasia ou pensan que a falta de credibilidade da xerarquia eclesiástica é a principal causa de que a Igrexa sexa a institución na que menos confiamos os españois.
