ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do tema: 'Xeral'

Paco Vázquez e Fidel Castro

Sempre pensei que estes dous nomes tiñan moi pouco que ver, por iso me chamou especialmente a atención a fotografía que me enviou o meu amigo Jose dende A Habana. Alí, no Hotel Nacional, existe un recuncho chamado "Hall of Fame" (vestíbulo da fama) no que se van engandindo fotografías dos personaxes máis famosos que cada ano pasan polo establecemento. En 2003, ó lado de Michael Mann, aparece Paco Vázquez, xenio e figura ata en terras castristas.

Os “bio”combustibles

Precisamente esta semana, no transcurso dunha xuntanza do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Ferrol, falamos de biocombustibles. Analizamos as posibilidades de negocio do Porto de Ferrol no tráfico de aceites vexetais para a fabricación de biodiésel e varios celebramos a aposta por sectores de mercado ecolóxicos que, ademais de ser un negocio puro e duro para Ferrolterra, nos permitisen avanzar algo máis na senda do desenvolvemento sostible.

Hoxe matizo o meu optimismo inicial, por algo que xa sabía, pero que a cómoda sociedade occidental te condena con frecuencia a esquecer. Leo en Público unha reportaxe magnífica na que a veterinaria española Karmele Llano denuncia o arrase literal que está a padecer a selva tropical de Indonesia, precisamente para obter aceite de palma co que fabricar biodiésel. Desaparecen árbores e todo tipo de animais e, por se fora pouco, xurde na zona un negocio paralelo, o maltrato e tráfico ilegal de primates.

Parece que o desenvolvemento sostible está bastante reñido coa economía global. Sempre que produzamos a grande escala, aínda que pareza que estamos optando por unha solución ecolóxica, estamos destruíndo e repetindo a eterna condena deste planeta, explotar e empobrecer ós países máis pobres para que os países ricos podan ser cada vez máis ricos. Isto non é sustentabilidade!

Liberdade dos medios galegos

O xornal dixital Gazeta Nación publica hoxe unha entrevista que me fixo onte Marcos S. Pérez para falar dos retos que ten Fene por diante, da nova etapa que está a iniciar o noso pobo, da importancia da blogosfera na política actual… Unha entrevista que resposta a unha intención, para min moi afortunada, de traer ó primeiro plano da actualidade a realidade de concellos como Fene que, normalmente e por razóns obvias, non atopan oco nos grandes medios de comunicación máis aló da súa sección destinada á información local.

Entrei na web de GZnacion para ver o resultado da entrevista e para coñecer tamén o que estaban a dicir os lectores sobre o contido da mesma. Xunto cun bo e profesional tratamento da información por parte do xornalista e con algunha opinión interesante sobre o tema, o que atopo é: 

"oxalá os do bloque saísen nos medios do psoe tanto como saen os do psoe nos medios do bloque"

"os medios nacionalistas galegos ou afíns (Gz.Nación, Vieiros, Tempos Novos, etc.) danlle de máis liñas a esta xente, mentres que nos seus evitan completamente ao BNG. Polo tanto, que aparezan nos seus. Nin Ivan Puentes, nin Loli, nin a Seara, etc."

Se esta é a visión que ten o nacionalismo militante algún sector do nacionalismo militante (sei, evidentemente, que nin todos nin a maioría) sobre a liberdade de expresión e a pluralidade e independencia dos medios de comunicación, entendo perfectamente porque dende determinadas esferas do BNG da Vicepresidencia da Xunta se está a plantexar estes días o boicot ós servizos informativos da TVG. Non obstante, creo que esta visión dos medios non é a que mellor casa cunha sociedade libre e democrática.

Dolce Vita Electoral

Leo hoxe en El País:

El estallido de un nuevo escándalo sexual, protagonizado por el senador republicano Larry Craig, vuelve a nublar la carrera de los conservadores al Despacho Oval […] Los hechos se remontan a junio, en un baño para caballeros del aeropuerto de Minneapolis, donde el senador se aproximó supuestamente a un policía encubierto con la intención de entablar una relación sexual. Craig, casado y con tres hijos, reconoció de inmediato haber seguido una conducta lasciva y fue detenido […] El legislador, que votó contra el matrimonio entre personas del mismo sexo, niega ahora haber tenido una conducta impropia, y afirma que optó por declararse culpable para evitar problemas mayores en el aeropuerto.

Craig, que aspira a ser reelegido en 2008, explicó que suele orinar con las piernas muy abiertas y que se agachó para recoger un papel en el suelo. Según el policía, el senador intentó rozarle con su pie. "No soy gay, nunca lo fui", concluyó.

Sei que estou a valorar unha sociedade, a norteamericana, desde os principios éticos e morais doutra, a nosa, pero a verdade é que cada vez que leo unha noticia deste tipo sempre penso no moito que me gusta vivir nun país tan pouco puritano como o noso, tan inmoral para eles e tan libre para min; aínda que teña outros defectos.

Actualizao ás 01:17 do 03/09/2007:

Larry Craig presenta a súa demisión como Senador dos Estados Unidos.

Erro da DGT ou resultado da miña EGB?

Onte, cando ía de Fene a Pontedeume, tiven que parar no arcen e sacar esta foto, porque desta vez si que a mensaxe da DGT captou totalmente a miña atención como conductor. Primeiro quedei sorprendido porque o texto estivese, en lugar de en galego e castelán como de costume, en galego e inglés, supoño que serán cousas do verán e da chegada aquí de xente doutros países.

En cambio, o que de verdade me incitou a sacar a foto foron as dúbidas que me suscitou a traducción ó ingles. O meu dominio desta lingua é moi básico, o xusto para sobrevivir no extranxeiro, pero "killed" sempre o entendín como sinónimo de "asasinado". Se é así, supoño que tódolos estranxeiros que entren en Galicia por Pedrafita marcharán a todo filispín, porque 1658 asasinatos dende o 1 de xaneiro é como para escapar.

Estráñame que a DGT meta a pata deste xeito e supoño que será a expresión que se usa en inglés para referirse ás víctimas de tráfico, que eu non coñecerei, pese a estudar inglés 14 anos da miña vida académica, polo malo malo plan de ensinanza de idiomas que temos neste país. Pode alguén máis docto aclarar a dúbida?

Repaso de Gabilondo a Aznar


Quería escribir algo sobre as patéticas declaracións de Aznar sobre o alcohol e as campañas de tráfico, pero hoxe envioume Dario, un amigo e compañeiro de traballo, a apertura de Noticias Cuatro do día de autos; todo o que diga soará ridículo ó lado do pedazo repaso que Gabilondo lle da ó chulito de Aznar. Mirádeo!

O Equipo

Déixovos un dos vídeos que pasamos durante o acto deste venres, precisamente o que elaboramos para presentar á candidatura. Son un equipo de xente extraordinaria, cunhas ganas de traballar enormes; non me deixan de sorprender día a día.

Teño que dicir que o vídeo é obra de Xaime. Como sempre, pedímoslle o material para xa e a última hora; o pobre foi algún día a traballar case de reenganche. Graciñas por todo, rapaz!

Primeiro Orballo de Maio

Primeiro de Maio 2007

Ademais dos maios de Canido, o Primeiro de Maio é a xornada que nos trae manifestacións de traballadores/as de todo o mundo, defendendo a liberdade, a igualdade e os dereitos sociais para todos e todas.

Salvo algún ano que andaba por fóra, sempre empezo este día coa UGT de Ferrol e os compañeiros/as do PSdeG de toda a comarca. Primeiro, ofrenda floral ó fundador de ámbalas dúas organizacións, Pablo Iglesias, no monolito do Cantón de Molíns. Logo, manifestación con CC.OO. dende o Inferniño ata a Praza de Armas.

Ademais da choiva e o frío, o negativo deste ano, como noutros, foi a falta de unidade sindical. Por unha banda, UGT, CC.OO., PSdeG-PSOE, IU e varios colectivos máis, por outra, a CIG. Á marxe das nosas diferencias, esta debería ser unha xornada reivindicativa na que todos xuntos nos puidésemos manifestar reclamando máis dereitos para os traballadores e traballadoras de todo o mundo, porque niso estaremos de acordo, digo eu.

Os acordes da Internacional, que inundaron a Praza de Armas máis que a choiva, lembráronos de novo que outro mundo é posible e que, sobre todo, debemos traballar día a día por el. Hoxe celebramos, ademais, que temos un emprego de máis calidade e máis estable, aínda que quede moito por facer.

Viva o Primeiro de Maio!

Francia esquece ata o maio do 68

Imaxe: EFE. Extraída de ELPAIS.com

Sarkozy promete enterrar Mayo del 68: “Prometo introducir la moral en la política. Sí, la moral, una palabra que no me da miedo. La moral, algo que después de mayo de 1968 no se podía hablar (…). Los herederos de Mayo del 68 habían impuesto la idea de que todo vale, que no hay ninguna diferencia entre el bien y el mal, entre lo cierto y lo falso, entre lo bello y lo feo; habían intentado hacer creer que el alumno vale tanto como el maestro (…), que la víctima cuenta menos que el delincuente (…), que no podía existir ninguna jerarquía de valores (…), que se había acabado la autoridad, la cortesía, el respeto; que no había nada grande, nada sagrado, nada admirable; ninguna regla, ninguna norma, que nada estaba prohibido”.

Non entendo como o país da Revolución, da V República e do mes de maio no que a utopía se fixo realidade (en parte), o exemplo para min a seguir de estado do benestar, de conciencia social, de democracia e de participación cidadá pode facer presidente a un tipo como Sarkozy. Aínda confío no milagre de Ségolène Royal.

Pelotón Socialista polo Patrimonio da Humanidade

Marcha Ciclista polo Patrimonio de Ferrol

Tódolos cidadáns e tódolos representantes políticos da comarca estábamos convocados hoxe pola mañá por Radio Voz Ferrol (105.4 da FM) para participar na Marcha Ciclista en Apoio da Candidatura de Ferrol a ser declarado Patrimonio da Humanidade. Foi un trazado bastante sinxelo polo centro da cidade; moitísimos cidadáns e bastantes políticos participamos nesta xornada que foi realmente divertida, unhas horas das máis amenas e relaxantes das que teñamos pasado últimamente que, a min polo menos, me serviron para desconectar algo da frenética actividade electoral destes días.

Quédome sen dúbida co tramo que fixemos por dentro do Arsenal, un recinto descoñecido para a inmensa maioría dos ferroláns e ubicado na zona máis privilexiada da cidade, toda a franxa costeira. Foi unha delicia ver o outro lado do muro, descubrir o impresionante patrimonio que temos agochado e facelo, aínda por riba, pedaleando ó lado de Alberto, arqueólogo e candidato do PSdeG en Valdoviño, que nos ía explicando a historia do Arsenal, e de Vicente Irisarri, que nos contaba entusiasmado un dos proxectos estrela da súa candidatura á Alcaldía de Ferrol, o bulevar que quere facer en parte da zona hoxe ocupada por Defensa.

Seguro que mañá máis de un dos políticos terá maniotas, porque a algúns ben se lles notaba que non collían a bici dende hai tempo, pero a causa terá merecido a pena. A declaración de Ferrol como Patrimonio da Humanidade, a posta en valor de toda a súa riqueza, pode ser xusto o que necesitemos, primeiro para que nós mesmos valoremos moito máis a cidade que temos e logo para que os de fóra borren a imaxe xeralmente gris e negativa que teñen dela.

Ó final da marcha, os candidatos socialistas fixemos foto de familia, perfectamente uniformados coa camiseta de Radio Voz. De esquerda a dereita: Santos (As Somozas), Alberto (Valdoviño), Valentín (As Pontes), eu (Fene), Irisarri (Ferrol), Julián (Secretario Xeral de XSG Ferrol) e Juan (Mugardos).

« Páxina anteriorPáxina seguinte »