Resultados da busca
Os militantes de Fene elíxenme candidato á Alcaldía

Moi poucas cousas nos reportan tanta satisfacción como o recoñecemento e a valoración por parte das persoas que temos máis próximas. Este domingo, logo de que o 94% dos militantes de Fene xa avalasen coa súa sinatura a miña candidatura á Alcaldía, a Asemblea de afiliados, na que participaron máis do 91% dos mesmos, proclamoume candidato por unanimidade.
Asumo esta responsabilidade cunha ilusión enorme, convencido de que Fene, cun goberno do BNG totalmente agotado logo de case 30 anos no poder, necesita un cambio, novas ideas, novas persoas, novas políticas… un pobo novo. Imos traballar como nunca, porque esta vez si que é moi probable ter un Alcalde novo, un alcalde socialista despois de 70 anos, cando os franquistas fusilaron a Ramón Souto, Alcalde de Fene en 1936.
Anímovos a participar comigo nesta apaixonante viaxe ata o 27 de maio de 2007, aportándonos ideas, achegándonos propostas para incluír no programa electoral e construíndo entre todos o proxecto que ha transformar Fene.
70º aniversario do asasinato de Ramón Souto, Alcalde de Fene

Ramón Souto González, coñecido popularmente como “Ramón o Meiriño”, era militante do PSOE e Alcalde de Fene o 18 de xullo de 1936, data na que os militares fascistas se levantan en armas contra o goberno democrático da II República. Os seus familiares e amigos recoméndanlle que marche de concello, pero el pregúntalles “¿Por que me vou esconder se nunca lle fixen mal a ninguén?”
Souto organiza xunto con outros veciños e compañeiros de corporación a resistencia en Fene ó avance dos militares franquistas, pero finalmente o 21 de xullo estes logran entrar no municipio dende Neda. Ramón Souto, xunto coa maior parte da corporación municipal, foi detido e encarcerado ata o 16 de agosto de 1936, data na que foi fusilado no Castelo de San Felipe (Ferrol).
Hoxe, cando se cumpren 70 anos do seu asasinato, participei na homenaxe que os socialistas de Fene lle rendiron a el e ó resto de veciños/as que nos anos 30 loitaron pola liberdade e a democracia, primeiro pacificamente e logo dando incluso a súa vida. Corenta anos de dictadura fascista non foron quen de borrar a semente de liberdade que só cinco anos de república introduciron e prenderon para sempre no noso país. Hoxe non somos un estado republicano, pero os ideais nos que Ramón Souto e outros/as moitos creron a comezos do século XX e polos que deron a súa vida, son a base da nosa sociedade.
En 1936 Fene tiña 6.340 habitantes e só no verán e outono dese ano foron fusilados por razóns políticas máis de 50 feneses. A todos eles/as, moitas gracias por crer en utopias que hoxe, como froito da súa loita, son xa unha realidade.
